Opinión

Illa cultural en Cuba

Antes que cineasta, o cubano Alfredo Guevara foi un militante da revolución de Fidel Castro, ó que lle foi leal ata a fin dos seus días pese ás críticas que fixo en diversos momentos desde dentro do sistema, en público e en privado, e a súa posición a favor da apertura e as reformas, cando aínda estas palabras na illa eran un auténtico pecado.

Alfredo Guevara nacera na Habana e coñecera a Castro na Universidade cando empezaran ambos os dous a facer as súas cousiñas políticas. E aínda que ó principio non lle caía moi ben, co paso do tempo comezou con Castro unha relación de amizade que se consolidou durante a loita revolucionaria. Nos derradeiros anos da ditadura de Fulgencio Batista exiliouse en México, pero tan axiña como triunfou a revolución de Castro, este non tardou en contar con el.

Antes de 1959, Alfredo Guevara si tivera certa experiencia no cine: en Cuba participara xunto a Julio García Espinosa no documental “O mégano”, unha impresionante denuncia sobre as condicións de vida baixo o réxime de Batista. Tamén fora fundador da Sociedade Cultural Noso Tempo, institución que agrupou á vangarda da intelectualidade cubana durante a década dos cincuenta.

Pero se hoxe Guevara asoma nesta columna cinematográfica é porque foi o creador e o primeiro presidente do ICAIC, é dicir, do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica. O cine non é só rodar películas ou interpretar longametraxes, senón tamén empregar unha moi importante dedicación ó seu mantemento, á súa conservación, amosar o seu apoio. Baixo o seu mandato, ata 1983, fixéronse películas como “A morte dun burócrata”, “Memorias do subdesenvolvemento” ou “A derradeira cea”, as tres dese impresionante director chamado Tomás Gutiérrez Alea, ou “Lucía”, de Humberto Solás. Nas épocas máis grises de Cuba, cando nos anos setenta se quixo impoñer o realismo socialista, o ICAIC sempre foi unha illa cultural na que existiron marxes para a crítica e a liberdade creativa.

Alfredo Guevara morreu o venres, 19 de abril de 2013, ós 87 na súa Habana e por culpa dun ataque ó corazón.

Te puede interesar