Opinión

Imitando a Fred Astaire y Ginger Rogers

Xa o dicía Rubén Blades naquela marabillosa canción titulada “Pedro Navaja”:  “la vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida, ay, Dios!”. E tanto. Cando coñecín a Genibel Gutiérrez, aquela rapaza que levaba ós adestramentos de baloncesto ó seu fillo, toda coitadiña e calada, non me imaxinaba que, anos máis tarde, me lembraría o verso do cantante panameño. Porque non só na cancha do patio do colexio Filomena Dato me parecía unha moza reservada, senón que incluso véndoa na biblioteca máis tarde me daba aquela imaxe que, actualmente, me sorprende.

Foi, unha vez máis, a rede social do feisbuq quen me descubriu a auténtica vocación de Genibel Gutiérrez. Neste punto xa a coñecía algo máis, tanto a ela como ó seu home Raúl Rodríguez Pereira, porque o seu rapaz pasou do Barbadás ó ABO, como lle pasou ós meus a causa da desaparición das categoría de base daquel club. E as esperas nos adestramentos máis os seguimentos dos partidos, quéirase que non, unían pouco a pouco unha amizade que empezaba, sen nos esquecer do “coleguismo” laboral: funcionarios. Que isto ata moito. A ver!, cando nos atacan tanto, intentamos facer piña, cubrirnos as costas.

Aínda así seguía imaxinando a ese matrimonio dentro da normalidade de calquera matrimonio de clase media, é dicir, ela de funcionaria e el cun traballo laboral normal, do montón e, iso si, coma min e coma moitos, de marionetas cos rapaces dun lado para o outro. Foi no feisbuq onde o verso de Rubén Blades empezou a asomar por medio das fotos que subían, que colgaban nesa rede social: os dous bailando.

Pois vaia novidade, vaia sorpresa que dá a vida! O normal é que a todos os mozos lles guste o baile. Claro que é normal. Pero as fotos non amosaban discotecas destas roqueiras nin concertos de xente desguedellada. As fotos dábanme a impresión de que eran bailes “de salón”. En cada unha que colgaban notaba máis e máis que se dedicaban a outros bailes que se saen un chisco desas idades. Craso erro o meu. Teño a imaxe de que os bailes de salón son para xente máis, chamémoslle, maior. A idade de Geni e Raúl non xunguía aí. Repito: erro meu.

Vaia se xungue. Agora sei que non son os únicos. Agora sei que esta parella anda de salón en salón imitando a Fred Astaire e Ginger Rogers. E están intentando probar todas as categorías ou modalidades dos bailes afrolatinos, desde a salsa ata o bachata e pasando polo kizomba. Tampouco andan con mixiricadas ante o merengue e o chachachá, nin lle poñen mala cara ó semba e ó zouk. Segundo confesión propia, ó que mellor lle dan é ó kizomba, un ritmo orixinario de Angola.

O Fred Astaire e a Ginger Rogers ourensáns colleron tan a peito esta afección bailadeira que xa case se esquecen por completo dos partidos de baloncesto do seu fillo. Porque mentres este xoga, os condenados, estanlle dando ó esqueleto (pero, iso si, coa elegancia deses ritmos) por esas pistas de baile espalladas por toda a xeografía galega. Porque pouco a pouco empezan a participar en concursos e en esparexer esa forma de vida que, me parece ben, vai máis alá da dun matrimonio sedentario. Para un servidor, sorpresa agradable e confianza no bo facer e na imitación de Fred Astaire e Ginger Rogers, aquela parella cinematográfica realmente espectacular. Como Geni Gutiérrez e Raúl Rodríguez. Deus!

Te puede interesar