Opinión

Infancia e xuventude en Sudalomba

A dous quilómetros, máis ou menos. A dous quilómetros de Baños de Molgas. Sudalomba se chama o lugar, o monte. Como para esquecelo. Case 30 anos pisando as súas carpazas. Case a diario correndo por entre os seus toxos. Case todas as mañás ollando para as vacas; para que non pelexasen. Porque en Sudalomba había ducias de vacas, moreas de vacas mesturadas. De varios veciños. Había pelexas. Había cornadas. Era igual. O caso era andar ós niños das lavercas. Ou xogar ó fútbol. Ou brincar cos cans. Ou celebrar carreiras de burros. Toda unha infancia. Toda unha adolescencia. Tempos de rozar os toxos e, máis tarde, cargar o carro. Tempos de ir na procura da Turina á casa porque, a moi condenada, tan axiña como ventaba que a chamaban para xunguir, levantaba o rabo e... pés para que vos quero. A malfadada abeiraba! Así é que, dous quilómetros de ida. Dous quilómetros de volta. Porque non quería tirar do carro. E non había carroucho que lle ensinaras. Como soubese (e sabíao) que llo ofrecías para xunguila, adeus moi boas. Condenada vaca! Vela abeirar por Sudalomba era un espectáculo. O peor era que había que ir buscala á casa. Infancia e xuventude en Sudalomba.

Te puede interesar