Opinión

O inferno do absurdo

No momento en que escribo isto (sábado pola tarde), espero como auga de maio a apertura da hostalaría. Fálase de que si vai abrir, pero como Barbadás está á beiriña mesmo de Ourense, aínda lle teño medo; por se non abren nin nun lado nin no outro. A verdade é que, si, por esta vez, estraño o cafeciño. E iso que tomo todos os días na casa dous, un pola mañá e outro pola tarde. Pero non é o mesmo. O ritual aquel de sentarme a unha mesa co xornal aberto e ver como me deixan o café que nin tan sequera pedín porque saben moi ben como o tomo, é algo que non ten prezo. E iso aínda que só bote o tempo suficiente para tomar o café. Non son dos que botan horas nos bares. Tomo o café, leo o meu periódico e para a casa. Agora que xa me abriu a biblioteca, tan só me queda o café. Se abre a hostalaría, aquí paz e despois gloria.

Non sei quen se levaría a gloria no secuestro de 280 nenos en Nixeria. Aconteceu a semana pasada e foi unha noticia que me botou para atrás. Calquera secuestro, calquera morte, calquera guerra, calquera terrorismo é malo; pero secuestrar nenos é denigrante, é superar, exceder os límites da conciencia humana. Certo que, eses, non creo que teñan moita conciencia. Si, xa sei que cos nenos faise máis forza para acadar o que se pida (o neno sempre foi o máis vulnerable para os que si temos conciencia), pero secuestralos é coma descender ó inferno da maldade.

O inferno do absurdo tamén é a situación que vivimos con ese maldito pazo de Meirás. Resulta que agora o Estado seica lle ten que pagar ós Franco os gastos que se levaron a cabo no mesmo. Manda truco na Habana! Logo de conseguilo como se conseguiu, aínda temos que andar con el coma cos ovos na peneira. E basta de dicir que foi unha cesión do pobo. De cesión iso non ten nada de nada. Sei moi ben como eran as cesións na época da ditadura, tanto para os poderes do Caudillo como para os da Igrexa. Porque sobre as posesións da Igrexa tamén habería para dar e tomar. E ó final, tanto para uns poderes coma para os outros, era o pobo o que sempre saía escaldado das súas relacións con ese ladroízo que imperou e que imperará sempre. O que ten o poder sempre asoballará e lle porá o pé ó cidadán corrente ata esmagalo por completo.

Te puede interesar