Opinión

Intrépido explorador

Segundo de Chomón foi o Georges Méliès español. Un dos grandes pioneiros do cine mudo. Como o mago francés, o cineasta aragonés foi un intrépido explorador que se meteu nun descoñecido mundo de imaxes que comezaban a abrirse ante os seus ollos. Uns novos horizontes que, ademais, el mesmo podía crear e modificar ó seu antollo. E así, grazas á súa imaxinación, ideou centos de historias nas que os obxectos cobraban vida e se movían ás súas anchas, e nas que as persoas aparecían, desaparecían, multiplicábanse ou transformábanse.

Segundo de Chomón naceu en Teruel en 1871 e comezou a súa carreira nun taller de Barcelona no que coloreaba películas a man, fotograma a fotograma. Tamén construía maquetas para combinalas con imaxes reais, ou transparencias que servían como fondos. A el adxudícaselle a invención dos primeiros travelling, que logrou xuntando dous patíns e colocando enriba unha táboa sobre a que apoiaba a cámara.

Posteriormente trasladouse a Francia contratado pola compañía Pathé para rodar o que se coñecía como “fantasmagorías”, películas fantásticas nas que aparecían seres sobrenaturais. Unha das súas especialidades era o xénero de viaxes imaxinarios, como “Viaxe ó fondo da Terra”, “Nova viaxe á Lúa” ou “Viaxe a Xúpiter”.

Tamén traballou en Italia como operador de cámara e técnico de efectos especiais. Con Abel Gance, un dos grandes cineastas franceses, colaborou nunha das superproducións da época: a inmensa “Napoleón”. Seu era, por exemplo, o aplaudido efecto final no que unha aguia sobrevoaba a marcha do exército galo.

Segundo de Chomón morreu en 1929 como consecuencia dunha enfermidade contraída en Marrocos mentres ensaiaba o uso da cor nun documental. Na súa honra, a Academia do Cine español concede todos os anos un premio que leva o seu nome e que recoñece a todos aqueles profesionais que aportan novos inventos que redundan no beneficio da industria cinematográfica.

Te puede interesar