Opinión

Invasión

Quero invadir os recunchos, os recantos da alma para apoderarme dunha esencia inmortal. Quero invadir a figura de Ana Belén e o campanario de calquera catedral, a cara de Michelle Pfeiffer e o territorio que hai máis alá do planeta H5-23-14. Quero invadir aqueles ollos que me miran con asombro e a poula na que se rozan un carro de toxos. Quero invadir o teu corazón e o deserto de Tabernas de cando Clint Eastwood andaba a tiros con Lee Van Cleef. Quero invadir o Far West.

Pero as miñas invasións serán como versos escritos e non coma esas de conquistar inimigos. Conquistarei o ruído cos latexos do corazón e o silencio coa parsimonia dun soño. Non me gusta invadir por invadir. Aínda que é certo que me gustaría invadir o sorriso daquela muller ou o gozo daquel desexo. Tamén, por que non, os Estados Unidos de América. Non van ter eles sempre o privilexio das invasións.

Quero invadir o parque das Mestras de Baños de Molgas para buscarlle acubillo e fonda ó meu amigo extraterrestre, que non tardará en volver. Gustaríame invadir o seu planeta, pero non en plan de conquista, senón de convivencia. Quero invadir o jazz de Chet Baker para que a súa trompeta me bambee polos riscos da nostalxia e o ritmo da música me leve polas corredoiras da señardade. Quero invadir a sombra de Rosalía e os pinos de Pondal e as cousas de Castelao e o Santo Grial. Quero invadir a inocencia do xusto para copiar dela e a maldade do inxusto para afogala nunha presa. Quero levar a cabo unha invasión eterna por todo o universo.

Te puede interesar