Opinión

O langrán que domaba o balón

Segundo hoxe son un antimadridista declarado, total, profundo, ó cen por cen, a morte; nas mesmas proporcións e durante a infancia, incluso a adolescencia, na década dos 70 do século pasado, fun tal fanático do Real Madrid que sabía todo dos seus xogadores e da súa historia. Este fanatismo, e debido ó aburrimento que ás veces tiña no monte cando andaba coas vacas (algunhas veces cansaba de ler tanto), fixo que na tarde do 27 de xullo de 1976 (o mércores cumpríronse precisamente 40 anos, que xa son anos) se me metese na cabeza gravar, esculpir o escudo do equipo merengue nun penedo de Barricobos, no monte de Pinouzos de Baños de Molgas. Foi pensalo e foi poñerme á labor. Remateino na tarde seguinte. 

Ó rematalo tamén levei a cabo a idea que se me ocorrera ó inicialo: labrar á súa beira o nome daquel xogador máis destacado de cada ano. Empecei co de Pirri porque este era practicamente o mellor de todos en todos os anos e, como non, porque era fácil de esculpir, tan só cinco letras. Pero tamén sabía que non tardaría en gravar o nome de Del Bosque. 
Eu con Del Bosque alucinaba. Dentro do meu pobre entendemento futbolístico (por rapaz, pola idade), non sei por que, pero ver a aquel home que semellaba un langrán, con aquela melena rizada, que seica non corría, pero que eu ben vía como facía correr o balón, como o tiña domado, como distribuía o xogo, digo que vendo a ese xogador cría que tamén merecía un lugar no olimpo do penedo de Barricobos.

Mais nin naquel fanatismo meu se me deu por pensar que algún día chegaría incluso a chocarlle a man a ese monstro de xogador (e hoxe de adestrador, por moito que se acabe de retirar) E non digo xa unha foto con el, co tímido que eu era, que aínda son. Pero logo de 40 anos, conseguino. E fíxeno sendo antimadridista a morte. E que?, acaso non traballo, tamén a morte, unha viña e son abstemio? Pois entón!

O día que lle choquei a man e que saquei a foto á súa beira (vencendo a timidez grazas a que alguén empezou primeiro coas sesións fotográficas) aconteceu en Maceda, cando a este concello se lle deu por homenaxealo (imaxino que polos seus éxitos como adestrador e como persoa) dedicándolle unha das rúas máis principais da vila. E xa que eu “pasaba por alí”...

Por certo, non cheguei a esculpir o seu nome ó lado do escudo do Real Madrid porque todo pasa e todo cambia, e hoxe en día, un, a estas idades, xa non está para eses sentimentalismos. Digamos entón que con esta reportaxe cumpro un chisco con esa homenaxe granítica que non chegou a ser. Esta si é unha homenaxe escrita a un home, a un xogador que sempre lembrarei con cariño, a pesar do meu antimadridismo. Sigo sen meter polo medio o de adestrador e o da súa bondade como persoa. Ata creo que un culé o catalogará como unha personalidade inmensa.

Vicente Del Bosque González naceu en Salamanca o 23 de decembro de 1950. Vai para 66 anos. Xogou na posición de centrocampista un total de 441 partidos oficiais. Debutou no fútbol nacional nas filas do Club Deportivo Salmantino (filial do Salamanca), onde foi máximo goleador con só 17 anos. Pasou ó Castela, cedérono un ano ó Córdoba e dous ó Castellón (aínda lembro un daqueles famosos cromos coa camiseta deste club), para pasar definitivamente ó Real Madrid, sendo titular do primeiro equipo durante 11 temporadas, ata 1984, e ganou con este último club cinco títulos de Liga e catro da Copa do Rei. Foi internacional con España en 18 ocasións, xogando a Eurocopa de 1980.

Quitando ós vellos carrozas coma un servidor, hoxe en día todo o mundo coñece a Del Bosque polos seus éxitos como adestrador. Normal; a ver quen ten este palmarés: 2 Copas de Europa, 1 Copa Intercontinental, 1 Supercopa de Europa, 2 Ligas, 1 Supercopa de España, e 1 Mundial e 1 Eurocopa como seleccionador. E para un servidor tamén foi o home que nos abriu os ollos ante o xogo e a posición de Busquets. É o home que nos emocionou co seu fillo. É o home que si terá o seu espazo, a súa estampa, a súa talla, a súa gravación nesta miña memoria. 

Don Vicente Del Bosque, o langrán que domaba o balón para poñerllo en bandexa a Netzer, a Velázquez ou a Pirri. Aí é nada! Coa sombra do antimadridismo polo medio: grazas, señor marqués. 

Te puede interesar