Opinión

Leccións de solidariedade

Hai equipos en case todos os deportes que moitas veces fanse querer. Por ser demasiado modestos, por ser sufridores, por ser o irmán pobre da cidade, porque os seus xogadores visten de tal ou cal maneira, etcétera. Eu recordo sempre ó Estudantes como o equipo ó que os afeccionados ó baloncesto lle tiñan máis cariño. Por ser o modestiño de Madrid e por ser o que quizais máis apoiase á base, ós cativos que empezan. Seguro que por esa pobreza de non poder fichar grandes xogadores. Creo que foi nos anos 70 e 80 cando mellor estivo, cando tiña máis fama. Pois ben, o pasado venres lin unha noticia que me fixo lembrar todo ese cariño que sempre se lle tributou e que, agora, hai que seguir tributándolle.

Resulta que o Estudantes vai crear unha escola de baloncesto dirixida principalmente ós nenos refuxiados. Aí está; son detalles que quéirase ou non fanche brillar os ollos coa emoción ó percorrer as liñas da noticia. E non só iso; vai incluso algo máis alá: tamén organizará un partido solidario, que será o da primeira xornada da liga.

Aí, ó pé do canón. Un equipo aínda máis modesto có dos anos citados. Sempre cos máis necesitados, cos máis desamparados deste mundo. E hai a tira deles. Un equipiño dándolle leccións de solidariedade ós grandes de España. Estes van ó negocio. Aquel a mirar para o embigo do ser humano. Grazas, Estudantes.

Te puede interesar