Opinión

Liberdade para opinar

Escoito á Cacho Señora Dona Barbra Streisand e sigo opinando que é a mellor voz do mundo mundial. Claro que, agora, cada quen que pense de min o que queira e que opine o que lle dea a gana desa cantante e actriz. Vivimos nun país libre (é un dicir) no que a liberdade de opinión é coma o bo dunha rula polas fincas das Lagoas. Claro que, a moitos paxaros, xa sabemos todos, se lles corta as ás. É outro dicir. Non fagades moito caso, porque como a nosa España non hai. Vaia, segue o asunto de actrices e cantantes... polos auriculares asoma a voz insinuante desa muller espectacular chamada Marilyn Monroe, quizais ou sen quizais a actriz máis castigada e máis maltratada polas malas linguas, ou sexa, por todo ser vivo. Dicía que temos liberdade para opinar. É verdade; se ti dis negro, por que eu non vou poder dicir branco. Se uns falan da raza celta, por que outros non poder falar dos iberos. Certo, haberá uns cantos que deixarán caer, así coma quen non quere a cousa, a raza aria. Iso, coma se fora un lapso. Somos un país libre! Eu teño liberdade para escoitar a Chet Baker, e non che vou prohibir a ti que escoites a Manolo Escobar ou a Mozart. Por que eu non vou poder ladrar coma un can. Ou oulear coma un lobo. Que carallo, o ouleo do lobo é bonito. Ata me dan ganas de subir ó Outeiro do Corno e alí... alí oulear por este país noso que é libre, no que non se censura a ninguén. Ata temos liberdade, por exemplo, para pedir no Parlamento calquera falcatruada. Cantas ganiñas hai de armar as do demo!

Te puede interesar