Opinión

En loita cunha silva

A tarde está de inverno, pero aínda así me decanto por dar un paseo pola carreira dos Poulos, a medio quilómetro, metro arriba metro abaixo, de Baños de Molgas. Ós poucos pasos noto como unha silva me engarra no xersei. Cando intento desprendela de min, esta aínda se enreda, aínda se enmaraña máis. E canto máis me quero librar dela, máis testana se pon a condenada. Nun pequeno respiro ata fun quen de falar con ela. Con calma e con paciencia. A silva máis se enleaba aínda no xersei. Mantivemos un tira e afrouxa case eterno. Ata que se me incharon as veas, por non dicir outra cousa. Tirei con tanta forza que alá quedou a manga do xersei. Mirei á silva de mala maneira, pero nada dixen. Tamén con calma marchei á casa, pillei unha fouce, volvín e dun simple tallo corteina pola metade.

Pero a outra metade denuncioume e agora andamos en xuízo. Sei que vou perder porque, o fiscal, un piorno vello que lle dá sombra á silva alega que eu atentei contra a “sabia natureza”. Non tardei en sentirme indefenso, debido tamén a que a miña avogada era unha cancela bastante escarallada que facía de portelo nunha finca e fora quen mellor vira todo o contratempo da miña loita. Logo, á hora da verdade, quizais por compañeirismo da silva, non fai moito por me defender. Non creo que tarde en saír o xuíz, un carballo vello que hai xusto no alto da miña finca (da miña propia finca), para ditar sentenza. Pero con condena ou sen condena, non penso pasar máis pola carreira dos Poulos.

Te puede interesar