Opinión

Lume que queima

Quero escapar do lume que me queima e só teño a opción de soprar para avivalo máis. Serei pasmón! Non obstante, tiven a opción de lanzarme de cabeza ó río Arnoia e, nel, para máis aquel, case afogo. Vou de mal en peor! Así e todo, vin como as lapas da conciencia bailaban por enriba da auga esperando a que asomase a cabeza. Maldita sexa! Tiven que facer de tripas corazón, aguantar a respiración e facer unha transfusión de aire cunha tartaruga ou sapoconcho que vin entre as carrancoñas dun amieiro da Pitediña. Por varias veces, por certo. Porque as lapas do lume que me quería queimar non se apagaban. Eu ben sei que me querían chamuscar coma un porco no San Martiño. Pero de algo me ten que servir o saber como circula a mente polos perendengues dos soños e o desexo polas asaduras da alma. Alguén dirá que non teño alma ou que non preciso ningún anhelo.

Eu ben sei en que fregado me meto. Ninguén me vai dicir que colla o camiño dos Poulos se eu quero ir polo carreiro do Piual. E non me fagades berrar polos sentimentos que levo dentro! Porque non teño ningún impedimento en deixarme abrasar mentres berro. As lapas semella que se van e pouco a pouco ergo das augas do Arnoia. Acordo, e somerxo de novo para darlle un bico na coiraza á tartaruga. Porque é de mal nacido non ser agradecido. Mais eu, por agora, son un corazón que se tende sobre a alfombra azul dun amor e sobre o branco sorriso dun agarimo. Marcho coa ollada perdida e cun pequeno asubío asomando polos meus beizos.

Te puede interesar