Opinión

Mar de terra

A verdade non é que asistira a moitas inauguracións do Festival de Cine de Ourense, pero de todas as que asistín teño que recoñecer que a da 23 edición, a de antonte, foi a mellor que vin e na que máis gocei, principalmente no remate da mesma. Presentou a gala ese encanto de muller e de actriz chamada Ledicia Sola. Un dos momentos máis emotivos, principalmente para o propio homenaxeado, foi cando se lle entregou a Calpurnia de Honra ó director ourensán Xavier Bermúdez. Emocionado estaba, pero á retranca deulle de carallo. Actuou Kepa Junkera, que sempre é un pracer escoitar o seu acordeón e axiña se deu paso ó documental que, aínda que o dirixiu o tamén ourensán José Antonio Blanco, penso que quen realmente o pariu foi o propio Kepa Junkera.

O documental “Mar de terra” (2018) ofrece un auténtico percorrido polos entroidos de varias aldeas e vilas. O percorrido acontece baixo a óptica do músico vasco. Unha óptica emotiva, cariñosa, humana e sincera na que se mestura a música que el mesmo creou para o filme cós entroidos máis ancestrais, máis senlleiros da nosa provincia e parte da de Lugo, como son os de Laza, Viana, Xinzo, Vilariño do Conso, Salcedo e Santiago de Arriba. Por certo, estes dous últimos de Lugo non os coñecía e deixáronme completamente emocionado, impresionado.

O documental, practicamente sen guión, como confesou o propio Junkera desde o estrado do auditorio, deixa ver sen “máscara”, sen “careta” ningunha a bondade da xente coa que se atopaba polas aldeas e, o máis principal, a naturalidade das mesmas, algo que sempre me chama a atención das persoas maiores cando as vexo, por exemplo, pola TVG... que se expresan tal cal, tal como lles sae de dentro naqueles momentos sen importarlles para nada a presenza dunha cámara, é dicir, a naturalidade feita arte.

Cando rematou a película, chegou o auténtico espectáculo á tarima do auditorio: Kepa Junkera volveu actuar cun grupo de músicos de Xinzo de Limia e coa representación dos diversos Entroidos que saíron no film... pantallas, cigarróns, boteiros, mázcaras, o oso de Salcedo, folións, volantes...

Te puede interesar