Opinión

A mellor de ciencia ficción

Obra decisiva do cine de ciencia ficción e clásico indiscutible pese a súa modernidade, “2001, unha odisea do espazo” (1968), aporta, xunto a un espectáculo de fermosura incomparable, un complexo discurso sobre a orixe do home. Para este servidor, hoxe, aínda é a mellor película dese xénero que se fixo nunca. E coidadiño, que dende esa data os efectos especiais avanzaron á velocidade da luz.

Como en case todas as películas de Stanley Kubrick, e nesta moi especialmente, a auténtica estrela do filme é o propio director, que como é habitual nel, tamén foi produtor e guionista. A maiores, e dada a importancia que nesta longametraxe teñen os efectos especiais tamén Kubrick foi o seu máximo responsable.

O director sempre foi unha lenda na capacidade que impoñía sobre os seus filmes. Era capaz de todo. Cóntase como anécdota que, antes de que a Metro adiantase o diñeiro para a película (explico: O filme está producido polo director, pero con cartos que a MGM lle adianta pola distribución do mesmo), a compañía pediu ler o guión. Kubrick encadernou 100 folios en branco e gravou no canto, con letras de ouro, o título do filme. Iso foi todo o que conseguiron del. E tampouco lles ensinou o filme ós directivos ata dez días antes da estrea. Era tan meticuloso que, en moitos países, polo menos en España, escollía el os actores de dobraxe.

A xénese da película é semellante a dos anteriores filmes de Kubrick. Tras “Teléfono vermello? Voamos cara á Moscú” (1964), que concluía coa destrución da humanidade a consecuencia da estupidez dos homes, e en especial políticos e militares, parecía que non existía saída. Pero o director se non lograba atopar unha saída, inventaríaa. Para que poida resultar convincente, ten que basearse en feitos científicos comprobables. Kubrick buscounos con Arthur Clarke, que a maiores de novelista, era físico, matemático e astrónomo. Traballaron xuntos máis de 2400 horas para parir un guión de 130 páxinas que serviu de base ó filme. A filmación durou cerca de dous anos, dos que, ano e medio, dedicounos á execución dos 205 planos de efectos especiais cos que conta o filme. E a partir de aí... unha obra mestra!

Te puede interesar