Opinión

Mellor coas terrazas

Ódía seguinte da implantación das medidas de peches de bares neses concellos con alto ritmo de propagación do covid-19 e con permiso, iso si, de despachar a consumición tan só para levar, xa vin que aí había un descontrol tal que merecía un pequeno Pingas, e que me deu a confirmar tamén que os bares foron o chibo expiatorio deste aumento de contaxiados. Deixei pasar o momento da súa denuncia neste recantiño e o luns vin como se me adiantaron os da sección Quen Cho Dixo deste mesmo xornal, cando comentaron algo que estaba a suceder na praza de Paz Nóvoa, en referencia ó momento de tomar ese café que se pode levar, pero que se leva tan só uns metros e sen distancia de seguridade. Que é o que acontece tamén na Valenzá.

Ata aquí todo ben e coa alegría inmensa de que os bares poidan seguir despachando para non verse obrigados a pechar definitivamente. Mais o descontrol, o caos está na forma en que se está a desenvolver a medida por culpa dos propios clientes. Agora piden o café, apártanse uns metros da porta ou da ventá pola que os despacharon, xúntanse tres ou catro ou os que cadran e dálle que dálle ás conversas. Eses tres ou catro ou os que cadran, antes, nas terrazas, tiñan que estar cada un en súa mesa. Tamén podo dicir que, agora, o único que se conseguiu, con respecto ó tempo das terrazas, foi que, os clientes, en vez de tomar os cafés sentados, tómanos de pé; porque seguen instalados máis ou menos no lugar das mesmas. Coas terrazas cumpríanse mellor as normas e as distancias de seguridade. Algo que xa comentei algunha vez. Menos mal que xa sei que a Xunta é propensa a desfacer o que está ben.

Te puede interesar