Opinión

Mellor, os personaxes

Confeso que cando vin por primeira vez un cachiño dun capítulo da serie “A que se aveciña” (á que lle darán o Premio OUFF Televisión deste 25 Festival de Cine) non me chamou para nada a atención. É máis, os seus diálogos parecíanme tan... tan facilóns, tan simples que, xa digo, só a aguantei un cachiño. O que pasa e que, despois, pasando o tempo e como teño uns rapaces que no momento de xantar e cear non lles importa para nada “o parte” e como son os que mandan na casa, puñan as series que proxectaban neses momentos das paparotas esas canles televisivas que repiten e repiten unha e outra vez as mesmas series, os mesmos capítulos. Por temporadas coincidía neses momentos “A que se aveciña”. Aínda hoxe coincide. Polo que non queda outra que aguantar e soportar ese humor, eses diálogos que para min seguen sendo o mesmo que eran. Non obstante, houbo algo que pouco a pouco me transformou. E fíxoo de tal maneira que non é que me enganchara á serie, pero si que desexo que aparezan os rapaces na cociña para cambiar a canle (a muller ve outras cousas) e ver “A que se aveciña”. Tal transformación debeuse ós personaxes, incluso á toda a comunidade deses veciños.

Ás veces penso na miña comunidade e non me imaxino unha situación como a da serie. Non se sabe cal é o peor esperpento que pode asomar nesa colectividade. Asoman os pecados capitais a darlle cun sacho e nun santiamén. Non se poden ver e están sempre xuntos. Esbardallan tras da porta e pídense favores tan axiña como se abre esa mesma porta...

Ó principio gustábanme os personaxes de Amador (Pablo Chiapella), que para máis aquel é Rivas, e Coque (Nacho Guerreros) ata que descubrín a Antonio Recio (Jordi Sánchez) coa súa faceta de racista, facha e malo ata a extenuación. Aínda que o personaxe que me demostra que é malo, malo de verdade é o da señora Fina (Petra Martínez); alucino coa súa maldade. Gústame a nugalla, a tranquilidade de Vicente (Ricardo Arroyo); a inocencia e bondade de Javi (Antonio Pagudo), os saúdos de aldea dos dous Rivas e por suposto a psicóloga Judith (a galega Cristina Castaño) porque ninguén lle paga as súas consultas.

Te puede interesar