Opinión

Melodrama e thriller

De todos é sabido que o gran imperio cinematográfico parte de Estados Unidos, e que todo o demais brilla pola súa ausencia (exceptuando un chisco o cine europeo). Pero o cine israelí tamén existe. E existe incluso máis alá de Amos Gitai, o director máis importante da súa historia. Así é que Gitai non está só, e podémolo comprobar coa película máis que interesante “Camiñar sobre as augas” (2004), unha mestura de melodrama clásico e thriller político, dirixida por Eytan Fox, que é verdade que naceu en Estados Unidos, pero de sangue e cidadanía israelí.

No filme sobresae unha bonita historia de amizade entre dous tipos antagónicos, un é un alemán gay, de pensamento pacifista, e o outro é un axente do Mossad, dunha mentalidade dura e vingativa. Ó mesmo tempo, a película reflexiona sobre como o peso do pasado dificulta o camiño cara ó futuro. A tese de “Camiñar sobre as augas” é que a obsesión polo horror do holocausto aínda non lle permitiu ós xudeus darse conta de que, pouco a pouco, pasaron de vítima a verdugos na súa actitude co pobo palestino.

Tamén é un filme cheo de esperanza, soño ou ironía,  vitalista, positivo e a cachos conmovedor no que se indaga e explora as distintas arestas da identidade colectiva israelí, con respecto, por un lado, á súa desencaixada relación co mundo musulmán, como por outro, a súa difícil convivencia co lastre que supón a tremenda herdanza do holocausto nazi.

Eytan Fox permítese reflexionar acerca das diversas visións sobre a familia, a relixión, a cultura, aspectos xeopolíticos e psicolóxicos, como a culpabilidade ou a responsabilidade, apostando por unha ollada humana sen deixar de ser crítica.

Ten un pequeno baixón nos tratamentos das claves do cine de xénero, como cando o melodrama de alento humano lle dá paso ó máis puro thriller. Pero é un pequeno erro que non empana a boa labor anterior. En definitiva, unha agradable película que nos leva a pensar que o mundo podería ser moito mellor do que realmente é se todos puidésemos ou soubésemos camiñar sobre as augas e liberarnos dos malos pensamentos.

Te puede interesar