Opinión

Memoria efémera

Amemoria, por veces, é efémera. Non sempre lembras o que deberías lembrar. Algunhas veces é por circunstancias e outras por falta de interese. Aínda que cando o que che din significa máis que todo un libro cheo de desexos, seguro que o esquecemento debeuse ás circunstancias. Dicía aquel tal Arthur Schopenhauer -que seica era un filósofo alemán-, que cada un ten o máximo de memoria para o que lle interesa e o mínimo para o que non lle interesa. Quitián Latino Suárez pensa que tal filósofo non discorreu moito, que iso cae de caixón. Porque a el algunhas veces dixéronlle cousas que case lle rebentan os sentimentos, pero que, por circunstancias, esquecéronselle. Iso non quere dicir, entón, que non lle puxese interese ó asunto. Simplemente que o desbordou o feito. 

Polo que fose. Quitián Latino espera sempre esas confesións que lle fan latexar o corazón de tal maneira que non lle importa que o manquen no peito. É que o fillo da Subela é moi sentido. Ó fillo da Subela vaille moito mellor a frase daquel tal Ramón Gómez de la Serna, que dicía que tiña tan mala memoria que se esqueceu de que tiña mala memoria e acordouse de todo. 

A Quitián a memoria ás veces fállalle, pero cando lembra, a felicidade báilalle dúas veces na alma. Certo que se dá de cabeza contra a impotencia mentres non lembra, pero cando o fai ou cando lle recordan de novo o feito, tal impotencia brinca sobre a almofada branca do mellor estado de ánimo. Non lle debemos ter medo a que, por veces, a memoria sexa efémera. Logo das circunstancias chega un segundo, un instante para gozar.

Te puede interesar