Mentres espero

Vin á panadaría para mercar unha barra de pan, e aínda está pecha. Espero a que abra. Así é que, mentres espero, contemplo a vida pasar. Ou o que sexa. Ou o que me dea a gana. Mellor esta última opción. Pois así fago e desfago, digo e non digo ó meu antollo. Dicir teño que dicir algo; senón isto non avanzaría un carallo (para que rime). Digo que a flor do toxo é bonita. E o canto da rula. E o ruxerruxe do mar. E a princesa do castelo. E a pel na que asenta unha tatuaxe. E unha conversa que se intúe. E, como non, o sabor do café. Digo que a solución dun problema está no desenvolvemento dunha suma de emocións cuxo resultado hai que dividir entre dúas opcións para que nos dea un sosego ansiado, unha paz que se cobiza, unha morriña que se sente. Tamén digo que non todos os problemas teñen solución ó momento. Pero se espero e insisto e teimo e porfío e loito e pelexo, nada hai imposible. Sigo contemplando o que me dá a gana. Ata pode contemplar cos ollos pechos. Fago a proba: cérroos. E vexo flores que se murchan ou que agostan. E vexo xente que pasa ou que se senta. E vexo soños que veñen e van ou realidades que son. E vexo esperanzas que non se perden; nunca!. E vexo sorrisos que se aman ou bágoas que se soltan. E vexo nostalxia que se sente ou soidade que quere quedar. E vexo a canción que soa ou o poema que se recita. E vexo a panadaría aberta. Marcho comprar o pan.