Opinión

Un mestre do dialecto ilocano

Busca e encontrarás. Frase fetiche desde hai xa moitos anos para convencerme de que, ó final, se buscas, obtés a recompensa. E buscando, buscando case sempre atopo esa recompensa, aínda que só sexa en forma de personaxes molgueses que nin imaxinaba que existían. Por uns escritos ou por outros xa levo falado sobre uns cantos, e estes, á súa vez, carrexan a outros. Non hai moito atopeime cun máis que me levou a furgar un chisco para saber da súa vida e da súa obra. Nunha nova do mes de xuño de 1903 lin que despois de 21 anos de ausencia, 11 dos cales os pasou en Filipinas, onde foi prisioneiro dos tagalos durante 14 meses, saíu para San Xoán de Vide, en Baños de Molgas, con obxecto de visitar á súa nai, xa moi maior, o reverendo P. Antonio Lozano, da ilustre comunidade de Agustinos do Escorial. Os tagalos é unha etnia indíxena de orixe austronesio que vive na illa de Luzón.

Pois ben, este Frei Antonio Lozano resulta que naceu o 9 de setembro de 1867 na aldea de Meamán. O día 1 de decembro de 1883 fixo a profesión de votos simples nun colexio valisoletano e ordenárono sacerdote xa en Manila no 1891. Axiña dominou o dialecto ilocano, que era o terceiro grupo étnico máis grande das Filipinas. A área natal dos ilocanos (ou ilokos ou ilokanos) está no noroeste da illa de Luzón e é a identidade de definición para a Rexión de Ilocos. Por certo, o primeiro periódico en ilocano editouse en 1889 e tiña ese mesmo nome en español, ou sexa, El Ilocano, que o editaba un tal Isabelo de los Reyes.

Digo que Antonio Lozano dominaba ese dialecto e foi por elo que se fixo cargo interinamente da parroquia de Aringay no abril de 1893 e da misión de Benguet no outubro do mesmo anos. Despois dunha heroica defensa neste pobo (naqueles tempos e por aqueles lares había contendas, enfrontamentos a darlle cun sacho), e logo de longas xornadas polos montes, chegou ó distrito de Bontoc, onde os citados tagalos o fixeron prisioneiro o 3 de setembro de 1898. Pero antes tivo tempo de escribir unhas memorias sobre a necesidade e conveniencia de crear varias misións no distrito de Benguet.

Te puede interesar