Opinión

Mestre dos bonecos

O cine asumímolo como unha sala escura na que hai unha pantalla grande e pola que asoman uns actores que contan unha historia que dirixiu alguén. E pouco máis. Pero hai moito máis detrás de todo iso, incluso máis alá tamén dos guionistas, fotógrafos e músicos, que quizais sexan os que son algo máis coñecidos.

Rick Baker é un actor, asesor técnico e produtor ademais dun gran artista dos efectos especiais. Nunca tivo inconveniente en aparecer na pantalla enfundado en disfraces de simio que el mesmo deseñou para un bo número de películas; desde “O monstro das bananas” (1971), de John Landis, ata o “King Kong” (1976), de John Guillermin. Baker tamén foi o artífice do “vestiario” dos actores que secundaron a Sigourney Weaver en “Gorilas na néboa” (1988) e os dos primates que choutaban de liana en liana xunto a Christophe Lambert en “Greystoke: A lenda de Tarzán, rei dos monos” (1984).

Rick Baker naceu o 8 de decembro de 1950 e deu os seus primeiros pasos na industria cinematográfica como asistente de laboratorio do mítico Dick Smith, ou sexa, o maquillador de “Pequeno gran home” (1970), “O padriño” (1972) ou “O exorcista” (1973), entre outras, e axiña se meteu nos Clokey Studios como deseñador de monecos. Aquí non tardou en especializarse na “Anatomation”, un sofisticado proceso que consegue reproducir á perfección os movementos corporais nun moneco (armazón metálico con que se viste un especialista, que, conectado ó moneco en cuestión, dítalle os movementos que debe facer). Ese sistema aportoulle a Baker o seu primeiro Oscar pola transformación de Griffin Dunne en licántropo nesa marabilla titulada “Un home lobo americano en Londres” (1981), e recibiría unha segunda estatuíña grazas ó seu traballo en “Bigfoot e os Henderson” (1987)

Rick Baker colaborou con George Lucas en “A guerra das galaxias” (1977), con Tobe Hooper en “A casa dos horrores” (1981), con David Cronenberg en “Videodrome” (1983), con John Carpenter en “Starman” (1984), con Tim Burton en “Ed Wood” (1994), coa que ganaría o seu terceiro Oscar; con Barry Sonnenfeld nas dúas partes de “Homes de negro” (1997/2002) e con Mike Nichols en “Lobo” (1994), tamén entre outras. Un mestre.

Te puede interesar