Opinión

Moncho Borrajo cun feixe de viñetas

Xa apareceu nesta sección de Testemuñas da Memoria o día 7 de setembro de 2015, vai para dous anos. É máis, foi a segunda reportaxe que fixen. E asomou baixo o título de "A gabardina de Moncho Borrajo". Volve aparecer porque é un personaxe famoso (unha paréntese para comentar que cando empecei con estas reportaxes e falaba de xente que ninguén coñecía, eses ós que eu lles chamo heroes anónimos, alguén me comentou que debería escribir sobre xente popular, sobre xente famosa; creo que mesturo a uns e a outros). Digo que volve aparecer porque é coñecido, porque é veciño e porque é amigo. Certo que teño uns cantos ou incluso moitos con estas tres derradeiras características; pero se sae unha vez máis Moncho Borrajo, e a pesar de todo iso, é porque o día 12 de xuño, luns, as oito da tarde, no Liceo Ourensán presentou o libro "Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo".

No título xa se deducen dúas cousas, dúas afeccións, dous traballos: que é humorista (a súa faceta máis coñecida) e que é debuxante ou caricaturista ou retratista. A proba é que unha vez ata o propio Quesada, nunha presentación que fixo do molgués, chegou a chamarlle impresentable, no bo sentido da palabra: "Moncho Borrajo é un impresentable... porque non sei como presentalo", en referencia, por suposto, ás múltiples actividades que leva a cabo: deseñador de xoiería, pintor, escultor, licenciado en Belas Artes, aparellador ou arquitecto técnico -que queda máis bonito, máis profesional-, artista integral, showman, dramaturgo, poeta, compositor de cancións de protesta en galego... Así entendo moi perfectamente que sexa un home que viva intensamente.

Tan intensamente que o día desta presentación, e cando o vin subir por aquelas escaleiras do Liceo e me acheguei a saludalo, o pobre homiño tivo que deterse cando lle faltaban tres ou catro banzos para coller folgos e chocarme a man. Non era porque lle custase subir as escaleiras, senón porque acababa de chegar de Valencia, logo de non sei cantas horas de viaxe e practicamente sen durmir porque a noite antes tivera que actuar. Por experiencia (porque o teño visto actuar, porque llo notei e porque chegou a confesalo en algunha entrevista) sei que as súas actuacións de duas horas ou máis son completamente extenuantes, tan esgotadoras que chega a perder varios quilos en cada evento. Porque non para no escenario. Porque só fala. Porque os focos dos escenarios adoitan deixar a un medio esmendrellado ou coa alma no papo. Son dos que digo que o mundo desa chamada farándula non é tan bonito como o pintan. Que va! Imaxino as viaxes de aquí para alá, durmir onde cadra, preparar escenarios, ensaiar en escenarios, actuar logo neses escenarios. Rematada a función, toca atender nos camerinos a varios amigos ou interesados ou pelotiñas ou politiquiños. E logo chegan á casa, pillan as maletas, fan as maletas porque ó día seguinte chega outra función precisamente na outra punta de España. Sabemos que hai traballos sacrificados (labrego, mariñeiro, mineiro, etc); o da farándula tamén o é: física e psiquicamente.

Logo dos folgos saudámonos nun alustro (no saúdo sempre lle meto polo medio o de "fillo da Lola da Amparo", por se neses momentos non me recorda, a causa de que nos vemos moi pouquiñas veces, e porque sei que nomearlle á miña nai son xa palabras maiores, polo que a apreciaba, polo que lle quería). Saudámonos nun amén porque polo Liceo xa había moita xente que quería facer o mesmo: chocarlle a man ou pegarlle uns biquiños cos seus correspondentes abrazos. Saúdos rápidos pois a hora exacta da presentación levaba xa varios minutos que se convertera en tempo pasado.

Á súa dereita fixo de presentador Pedro X. Blanco, vicepresidente da Fundación Santo André de Teixido, porque esta fundación é a que promove e distribúe o libro. "Escolma do humorismo gráfico de Moncho Borrajo" non é un libro, digamos, que o compuxese entre actuación e actuación ou roubándolle tempo ó tempo; senón que é un feixe de viñetas que reuniu dos seus cinco libros que xa publicara, é dicir, de "Moncho y yo", "Moncho y tú", "Pobres míos", "Animaliños" e "Gatos". A maiores tamén meteu no feixe as viñetas que leva publicadas na prensa. Outra característica salientable do libro é que os que estaban escritos en castelán pasaron ó galego e os escritos en galego ó castelán. Así é que se pode dicir que agora hai cinco libros seus en edición bilingüe. Un bo traballo levado a cabo. Non descubro nada ó comentar que os seus debuxos están cheos de ironía, de sarcasmo, de retranca. Se non fose así, non serían de Moncho Borrajo. Son debuxos moi técnicos e bastante barrocos.

O acto da presentación rematou, faltaría máis, coa súa típica verborrea humorística, contando chistes e anécdotas da xente da farándula e dos políticos, claro está, que alborotaron por completo o patio de butacas a base de gargalladas sen fin. Ese humor seu, tan acelerado, que nin tempo che deixa para que descansen as meixelas, para que acougue a barriga e para aguantar como poidas a vexiga que se quere soltar. Con el non che queda outra que rir.

Te puede interesar