Opinión

Mundo anano

O mundo é moi pequeno. É tan pequeno que, para nós, tan só comprende Europa e Estados Unidos. E de Europa, máis ben a Europa Occidental, que a do Este, se quitamos Rusia, todo o demais é borralla. É algo triste que todos os medios de comunicación se consagren tan só ós do gran poder económico. Era o que dicía xa a semana pasada sobre a celebración do Mundial de fútbol en Qatar: que poderoso cabaleiro é don diñeiro. Os países pobres están moi ben onde están, que así serven para o escarnio e a explotación dos ricos.

Vén todo iso a conto porque, ultimamente, estou vendo moito cine independente, moito cine de algúns países que moitos de nós nin sabemos que existen. E as películas penso que son as mellores leccións de historia que hai  hoxe. Certo que algúns filmes quizais esaxeran un pouco ou que deixan que a ficción vaia algo máis alá da realidade. Pero creo que o fondo, o quid da realidade de tal ou cal país amósano todas sempre algo. E así, en algunhas, pois vexo, por exemplo, conflitos bélicos que non temos nin idea de que existían. Ou a corrupción de certos gobernos. Ou o maltrato ou a falta de dereitos humanos ou as explotacións en varios países.

Todo iso, a prensa, a televisión non adoita reflectilo porque, repito, só conviven no planeta Terra Europa e Estados Unidos. E as películas, pobres, a ver que cadea do noso país se atreve a proxectar cine independente, cine africano ou asiático ou latinoamericano. Moi de cando en vez La 2 emite algunha, pero esa canle, e por moito que digamos todos que é a mellor, case ninguén a ve. As demais van ó negocio: cine ianqui e de acción.

Europa e Estados Unidos. Varios países de África están en guerra, pero que máis dá, se nin tan sequera sabemos situar onde están Somalia ou Sudán do Sur ou Chad. Aquí chéganos ben coa guerra ruso-ucraína que, por certo, xa ninguén se acorda dela e a pesar de que aínda está aí.

Somos de punto de mira fixo. O que nos metan polos ollos; e todo o demais non existe. Mesmo no fútbol temos o exemplo: Real Madrid e Barcelona, que o Elxe ou o Xetafe xa nin sabemos se están en primeira ou segunda división. É igual, non se está nada mal vivindo neste mundo anano.

Te puede interesar