Opinión

El mundo necesita padres

Chámome Olegario Cuevas e son un cazador a soldo. Cazo desde castañas asadas ata diaños sen alma. Son fillo de Eladio Cuevas, O Parrumeiras, e de Eudosia Ponte, A Laretas. De pequeno xa me gustaba cazar moscas e bolboretas. Os grilos, despois de cazalos, intentaba capalos. Non se pode dicir aquí como se capa un grilo porque iso só se ten que facer de forma presencial; ou sexa, coa presenza dun paspán e un grilo. Tamén se alguén me contrata podo cazarlle soños nas noites escuras, e tamén nas claras; todo hai que dicilo. Cazo un tema musical ó voo, por exemplo, un de John Williams, e ó mesmo tempo corro detrás dunha doniña, para que?... para cazala.

Hai uns meses, o concello de Baños de Molgas contratárame de detective privado e hai cinco días amplioume o contrato a cazador a soldo. Cazo moito e ben. Porque, aínda que non o dixera, a min, na miña vila, coñécenme polo Furtivo. É porque lles dá carraxe que cace tan ben e non se atreven a chamarme O Cazador. Pero tampouco me importa... Olegario Cuevas, O Furtivo. Non está mal.

O outro día tamén me contratou un veciño para que lle matara á muller, pero aí xa lle dixen que iso eran palabras maiores. Que como moito, podía matarlle un carneiro ou a raposa que seica lle asalta de cando en vez o galiñeiro. Por último, á moza que máis me gusta da contorna caceille un poema cheo de versos e cando llos din díxenlle que ela era poesía. Pero, carallo, que bonito quedou, non si?

Te puede interesar