Opinión

Musa da contracultura

Din que era a musa da contracultura dos anos 60, tamén a heroína do cine comercial dos 70 e o ídolo do cine de terror dos últimos anos. Pero Karen Black tamén foi cantante country cando Robert Altman llo pediu para a súa película “Nashville” e pola que foi candidata a un premio Grammy. E incluso chegou a inspirar o nome dunha banda de glam punk, a The Voluptuous Horror of Karen Black. Con máis dun cento de películas ás súas costas, a Karen Black deulle tempo de facer de todo en Hollywood.

Estudou no famoso Actor´s Studio de Lee Strasberg e lembrarémola sempre como a azafata que salva o día en “Aeroporto 1975”. Diciamos que fixo de todo e fíxoo ben, ata cando os papeis eran rematadamente malos. Ademais de talento, e como dixo a periodista Rocío Ayuso, Karen Black sempre tivo ese aspecto diferente ás demais. Tiña un sorriso moi amplo remarcado por uns beizos moi carnosos (cando aínda estes non se puxeran de moda) e uns ollos moi xuntos e moi escuros. E como diría o actor Peter Fonda, a actriz tiña “unha monstruosa beleza”. Este actor, xunto a Dennis Hopper e Jack Nicholson, foron cruciais na carreira da Black, que chouto á fama grazas a esa viaxe de LSD que protagonizou, que protagonizaron nesa película de culto titulada “Easy Rider”, que na súa estrea no noso pais revirou a “Buscando o meu destino”.

Volvería traballar con Nicholson en “A miña vida é a miña vida”, pola que a nomearon como mellor actriz secundaria. Facía un papel de camareira con poucas luces namorada do Nicholson e polo que o director Bob Rafelson non a quería contratar porque seica era “demasiado lista para o papel”. E de que era boa traballando sabíao o gran Alfred Hitchcock que a contratou para o seu derradeiro filme: “A trama”. Tamén traballo en “O gran Gatsby” (1974), ó lado de Robert Redford e Mia Farrow. E foi unha moza buscando fama en “Como praga de langosta”.

Non obstante, co cambio de era, tamén lle cambiaron os papeis, dedicados xa máis a series de televisión, a monólogos teatrais e a varias cintas de terror de serie B coas que acadou un novo grupo de fans.

Karen Black casou en catro ocasións e no ano 2010 diagnosticáronlle un cancro que acabaría con ela no agosto de 2013.

Te puede interesar