Opinión

Música e ordenador

Queda hora e media xusta para que chegue a unha e dez da madrugada. A esta hora hai intención de ver unha película. Porque é sábado e mañá non se madruga. Porque me apetece ver unha película. Procuro ver algunha película todas as noites. Certo que os días de fútbol e se é en xornada laboral, ó mellor non vexo ningunha. Non obstante, esa falta cinematográfica intento compensala cos domingos pola noite, onde adoito ver dúas. Nesta hora e media que me queda intentarei matar o tempo co de sempre, ou sexa, música a darlle cun sacho ou a esgalla e moito fochicar co ordenador.

Podo escoitar a Buddy Holly e buscar pola Internet “que cheiran as formigas cando cheiran?”. Podo sacar a cabeza pola fiestra e soprarlle ó vento, por se este non leva a forza suficiente. Agora, por exemplo, escoito os Beatles e o tema que escoito, súboo ó momento ó feisbuq. Cando remate o relato aínda quedará moito tempo para a unha e dez da madrugada. Intentarei arquivar no ordenador “cousas” que escribín na miña etapa madrileña; algo así como un cento de libros ou máis, entendendo por cada libro uns 200 folios a máquina. Era unha máquina de escribir. Son unha máquina de escribir... “cousas”. Cousas que ás veces non din nada, por veces non teñen sentido, pero sempre quedarán aí por se a alguén se lle dá buscarlle o seu aquel. Uff, escoitar a Barbra Streisand é algo así como unha ascensión ó ceo musical. Xa só queda unha hora e dez minutos para a película. Seguirei matando o tempo.

Te puede interesar