Opinión

Nervios

Mastigo nas galletas para matar o tempo. Ó mesmo tempo que escribo para non quedar quieto. Escoito música e contemplo o sol que asoma. Non sei se é un sopro ou un simple músculo que se me contrae ós poucos, pero o caso é que me doe o peito. É venres, festivo, a Constitución. Esa Constitución que se queda vella e que non hai quen bote man dela. Debe haber medo a retocala. Si, non vaia ser que... Bato os pés contra o chan, e non polo frío, senón polos nervios. Son nervioso. Non sei quen me dixo hai un tempo que deixase en paz ás pernas. Estabamos de parola e eu dálle que dálle. Por iso sempre intento facer algo. Para que non me consuman os nervios. Mentres penso, abrigo as mans contra as pernas ó mesmo tempo que estas... dálle que dálle. Agora mesmo seguen tremendo polos nervios e polo ritmo da canción de Les Surfs. Son as cinco menos cuarto da tarde. Tan axiña como remate de escribir, non queda outra que saír a dar unha volta pola Valenzá. Teño medo que me caia a casa encima. A maiores de que aínda me queda un xornal por ler. Agora é o Premio Nobel de Literatura Bob Dylan o que me emociona con “All The Tired Horses”. Esta emoción, e sen que sirva de precedente, déixame quieto coma un paxariño. Por pouco tempo; axiña me asaltan os nervios, que se as pernas, que se os pés, que se as mans rañando a cabeza, que se a cabeza seguindo o ritmo da música, que se os ollos bailando dun obxecto a outro, que se o pensamento furga que furga por entre a maraña do tempo. Nervios.

Te puede interesar