Opinión

Non cargar nun corvo

 

 

Daciano Rañelo Roscón botou a correr polo Agro abaixo ó mesmo tempo que lle berraba a todo aquel que o quixera oír que lle acababan de tocar 50 euros na primitiva. Axiña o parou en seco Nabor Arameo Saltón para dicirlle que non era para tanto, que non era necesario que armara tal barullo, tal estrondo. “Ai, amigo, non os caga un corvo!”, lle soltou así de súpeto Daciano. Ó outro non lle quedou máis que quedar pasmado; non esperaba esa expresión do Rañelo (aclarar que a Daciano todos os veciños lle chamaban O Rañelo; polo apelido, claro), xa que pola contorna de Baños de Molgas nunca oíra o de “non cagar un corvo”. Así é que non lle quedou outra que deixar ó Rañelo para que seguise pregoando ós catro ventos, ou sexa, a grito pelado e por todas as rúas da vila, que lle tocaron uns simples e miserentos 50 euros. Claro que para Daciano Rañelo Roscón non serían tan miserentos cando estaba a choutar e a berrar de alegría. Normal, nunca se viu con tantos cartos no peto. Era fillo de pobres e, el mesmo, era máis pobre que unha caixa das ánimas baleira. No seu caso é verdade que menos caga un corvo.

Te puede interesar