Opinión

Non dicir nada para escribir todo

Sempre tiven medo de poñerme a andar. Porque é de pura lóxica que, se andas, a algún lugar vas. Por que ten que saber a xente dos meus pasos? Por que teñen que saber algúns que vou a Baños de Molgas ou que me dedico a desembazar o bafo do espello dun baño para ver mellor o reflexo? Non me gusta pregoar os asuntos, os temas, aínda que todos os días, xeralmente polas tardes, me canse de poñer puntos sobre os is ou frases empalmadas por palabras. Sábese que en boca pechada non entran moscas, e por moito que os meus pensamentos estean cheos de azucre ou de carnaza. Din que non hai mellor segredo que o que non se conta. Eu non os conto. Quizais porque tampouco os teño.

Sempre tiven medo de cuspir contra o vento. Por se aquel. Por se o cuspe se me revolve e me pon perdido. Mellor caladiño e que ninguén saiba que son de Baños de Molgas para que os de outros lugares non se sintan insultados. Porque, sinceramente, ser da Venecia ourensá non é cousa de pouco. Tampouco teño por que dicir que son nacionalista ou que penso viaxar polo espazo sideral, aínda que só sexa en soños. Aquí si digo unha cousa certa (para que o saibades): soñar é bonito, moi bonito.

E, a estes, ós soños, si que nunca lles tiven medo. Porque con eles vou e veño, fago e desfago, corro ou sento, falo ou calo, río ou choro, gabo ou odio. Pero, iso si, tampouco vos penso dicir nada deles. Porque a miña filosofía barata consiste en non dicir nada para escribir todo. Ou escribir de máis para non dicir nada. Que tamén.

Te puede interesar