Opinión

Non vaia ser que...

Nada de introdución. Entro xa a matar: Mariano Rajoy achácalle a Susana Díaz que por que convoca eleccións en Andalucía. Se esta señora, que nin me vai nin me vén, non as convocara, aposto medio recuncho a que a apremaría a facelo ou a dimitir. Sempre é o mesmo: o caso é facer oposición, aínda que sexa mala. E todos os partidos fan igual: cospen críticas a darlle cun sacho. Eu tampouco son menos. Sóltoas aínda que non teña razón. Menos mal que o recoñezo.

Cambio a expresión “entrar a matar” por “ai vai un disparo máis”: Facenda investiga agora, precisamente agora, ó número 3 de Podemos. A ver, desde que asomou este partido á palestra española, creo que é a primeira vez que o nomeo, que falo del porque… porque tampouco nin me vai nin me vén. A maiores de que, como aínda non tivo opción de facer algo, pois non podo poñer a man no lume por el. Mais aquí xa se sabe que somos moi propensos á crítica sen que o criticado houbese actuado tan sequera. Co sinxelo que é marcar o ritmo da política española: que os que mandan non o fan ben? Non se lles vota nas próximas eleccións, e punto. Din que Podemos tal e Podemos cal. Esperade. Que soben e o fan mal? Non se lles volve votar, e xa está. Pero claro, á criatura haille que cortar antes a cabeza. Por se medra. Non vaia ser que...

Te puede interesar