Opinión

Nunca poderei ser ministro

Agora entendo que eu nunca poderei ser ministro. Nin tan sequera político. Porque son pobre. Porque os ministros son entre 6 e 8 veces máis ricos que o español medio. E eu, que nin moito menos son un español medio... Así é que, pamemiño, non queda outra que lamber as feridas e confiar nunha primitiva; que tampouco. Porque o que si é verdade (e o que se dixo sempre) é que un non se pon rico traballando. Eu traballo (ou fago que traballo) e xa digo, nin chego á categoría de español medio. Pobre de solemnidade! Por certo, o político chegará a ministro por ser rico ou por ser político? É igual; o caso é que ó chegar a ministro... aínda se pon máis rico. E repito unha vez máis: ninguén se pon rico traballando. O que queira coller a indirecta que é máis directa que unha frecha envelenada é porque é listo. Lanzo a directa porque hoxe non me apetece falar de corrupción nin de ladroízo nin de malversación nin de ningún oficio semellante e pertencente á rama dos políticos. Non son ministro por falta de economía, pero, iso si, e aquí non hai quen me gane: son rico en ilusións, en confianza (a primitiva), en sentimentos, en pensamentos, en afeccións, en soños, incluso en realidades, pois gústame ser tal como son. Non me cambio por ningún ministro!

Te puede interesar