Opinión

Nunha pompa de xabón

O día que se parou o mundo, eu estaba nunha pompa de xabón. Todo estaba parado, ata a propia pompa; que me colleu a uns mil metros do chan. Os coches estaban parados, a xente estaba quieta, os paxaros e avións pairando, a auga que caía dos canos das fontes en suspensión. Non había vento. Todo, absolutamente todo estaba parado, ata o respirar de calquera ser vivo, ata as nubes que pululaban polo ceo. Tan só os latexos do meu corazón se movían. Non entendía nada. Todo quieto, todo morto, menos o meu corazón. A ver se agora é verdade iso de “son todo corazón”. Cos demos que levo dentro. Quero mirar desde a burbulla. Non podo. Nin os ollos me obedecen, nin o pensamento sabe actuar. Todo está quedo, inmóbil. Só ese ritmo monótono, tranquilo e sen pausa; só ese latexo permanente. Corazón de ferro, corazón eterno, corazón nun puño. A pompa non se move. Nada se move. Todo é claridade. Todo é silencio. Menos os latexos dun corazón que non entendo. Nin tan sequera sei por que latexa. O día que se acabou o mundo, eu estaba nunha pompa de xabón. Sigo nela. Porque nada se move. Polo que non se pode romper. A non ser que o meu corazón latexe con moita forza. Pero nada, sempre ó mesmo ritmo monótono. Quero rezar mentalmente para que ocorra algo. O pensamento non me obedece. Todo está parado.

Te puede interesar