Opinión

O actor Cockney

Pode unha película ser ben mala que como actúe nela Michael Caine, xa é ten o seu incentivo. Porque Michael Caine é un dos actores máis grandes que houbo e que aínda hai na industria cinematográfica. Unha proba diso é que ten o récord, compartido co estadounidense Jack Nicholson, de ser os únicos actores nomeados pola academia hollywoodense en cada unha das décadas desde 1960 ata o novo milenio. Por certo, acadou dous como secundario: en 1986 por “Hannah e as súas irmás” e en 1999 por “As normas da casa da sidra”.

Debutou con 23 anos na película “Inferno en Corea” e unha década máis tarde xuntouse a Sean Connery para interpretar a un cínico aventureiro en “O home que puido reinar”. Pero onde estivo inmenso e grandioso foi en “A pegada”, onde se enfrontaba sen complexos durante dúas horas e media no único escenario dunha mansión vitoriana a alguén tan intocable e tan mítico como lord Laurence Olivier, nun xogo a morte e un retrato da loita de clases moi ben levado polo director Joseph L. Mankiewucz. Agora, cos anos, coa idade, acomódase perfectamente a eses roles de secundario de luxo, coma por exemplo, o Alfred da saga “Batman”.

Maurice Joseph Micklewhite naceu en Londres o 14 de marzo de 1933 (a piques de cumprir 86 anos, e segue traballando), no seo dunha familia humilde, xa que o seu pai era estibador e a súa nai empregada de fogar. Famoso polo seu particular acento inglés de East End (o distintivo cockney), apareceu en máis de 115 películas ó longo da súa carreira. A anécdota do seu cambio de nome debeuse a unha chamada telefónica co seu axente desde unha cabina. Ía actuar nunha nova obra teatral e o axente díxose que tiña que cambiar o nome axiña. Ante as présas, o actor mirou ó seu arredor e viu nun cine os grandes carteis que anunciaban a película que se estaba proxectando aqueles días: “O motín do Caine”. Gustoulle o nome e quedouse con el (o de Michael xa era o que usaba desde o principio)

Retranqueiro, simpático á súa maneira e con reputación de rañicas que quizais se deba ás orixes con moitas calamidades. É igual; a el perdóolle todo.

Te puede interesar