Opinión

O actor invencible

Houbo un tempo no que o acoirazado Alfredo Landa parecía invencible. Polo cine que rodaba, pola televisión que facía e polo carácter que cuspía. Pero el só, tan só el era quen de tirar dunha industria, a do cine, e foi el quen bautizou un estilo: o landismo. Un landismo que marcou e, aínda que a inmensa maioría se refería a el con desprezo, hoxe fálase coma se fose un fenómeno da sociedade. E o foi, porque revisando agora mesmo aquelas películas de tipos peludos e suecas macizas, de orgullo de patria e de desconcerto ante o novo, vemos que era un impresionante reflexo ou unha boa crónica social de España. A maiores de que, naqueles tempos, era o único que deixaban facer. Pois ben, por enriba de todo iso estaba un señor actor.

Un señor actor que imaxino que amaría o número 3 á forza, xa que naceu o día 3 do mes 3 do ano 33, ás 3 da tarde, e en Madrid viviu durante anos no portal 3 da súa rúa. Naceu en Pamplona, pero sendo neno trasladouse para San Sebastián, onde descubriu a interpretación por medio do Teatro Español Universitario e en contra dos gustos da súa familia, que querían que estudara Dereito. “Eu estudo Dereito, nai, pero se ós 40 anos son un infeliz, botareiche a culpa”. Ante esta sentenza, seica lle deron 7.000 pesetas e en 1958 meteuse nun tren con destino a Madrid.

Empezou no teatro, que era a súa gran paixón, pero, claro, o cine era máis rápido e pagaban moito mellor, polo que axiña rodou película tras película e só volveu ás táboas moi de tarde en tarde. Como a Alfredo Landa sempre lle gustou a comedia (“é o xénero mellor, o máis importante, tamén o máis difícil”, confesou unha vez), rodou unha morea delas. Pero en 1976 entra no drama con “A ponte”, de Juan Antonio Bardem. De repente, algúns descobren o que para outros era obvio: que Landa era un actor grande e inmenso. E hoxe, a maioría quizais se lembre del (á parte do landismo) polas súas actuacións en “O crack” e, por suposto, “Os santos inocentes”. Aínda que, eu, téñolle un cariño especial ó seu personaxe de Fendetestas, nesa marabilla chamada “O bosque animado”. Ver como vai asaltar unha casa e, en vez diso, axúdalle a unha vaca a parir, iso non ten prezo. Landa morreu en Madrid o xoves, 9 de maio de 2013, á idade de 80 anos.

Te puede interesar