Opinión

O afro karateka

Nas películas de artes marciais sábese que as interpretacións brillan pola súa ausencia, pois o importante neste xénero é saber repartir labazadas a darlle cun sacho. O actor afroamericano Jim Kelly sabía facer iso moi ben, xa que a súa formación como karateka así llo proporcionaba, e logo para máis aquel tiña unha imaxe ideal para a época na que actuaba. Tal época pertencía ós anos setenta, onde o pelo ó afro e as patillas longas impoñíanse de forma ostentosa, especialmente na sociedade e na cultura afroamericana. Cando Jim Kelly apareceu na película “Operación Dragón” (1973), xunto ó mítico Bruce Lee, converteuse nun actor de culto para esas xeracións de espectadores que adoraban o cine de artes marciais.

Jim Kelly nacera o 5 de maio de 1946, en Paris, Kentucky e desde mozo destacou en varios deportes, pero decantouse polo fútbol americano cando entrou na universidade. Aínda que este deporte duroulle tan só un ano, pois axiña se centrou no karate. Cando acadou o cinto negro en 1969, este home tiña claro que as artes marciais serían a chave para lograr o seu auténtico obxectivo: o de ser actor. Así é que non lle quedou outra que mudarse a Os Ánxeles.

Xa alí competiu e venceu en diferentes torneos de karate. En 1971 abriu o seu propio ximnasio e pouco despois obtivo o seu primeiro papel na gran pantalla coa película “Melinda” (1972). E xa ó ano seguinte chegou a súa gran oportunidade cando lle ofreceron participar á beira de Bruce Lee. En “Operación Dragón”, Kelly interpretaba o papel dun experto en arte marciais que acudía a un torneo organizado polo capo da mafia china. A morte de Lee, só uns meses despois de finalizada a película, converteu a este filme nun clásico e nun referente cinematográfico nesa década dos setenta. Polo que o éxito do filme fixo posible que Kelly se ganase un contrato para gravar tres películas con Warner Bros e aparecendo ademais en algúns papeis como protagonista, xa que era a época do “blaxploitation”, un subxénero no que predominaban os actores de raza negra nuns filmes cheos de persecucións con coches, disparos e música funky de fondo.

Jim Kelly faleceu de cancro o 29 de xuño de 2013 en San Diego, California. Tiña 67 anos.

Te puede interesar