Opinión

O auténtico Edwards

Hoxe esta columna cinematográfica, para ben, debería versar sobre o típico resumo anual das estreas de filmes na nosa cidade e que adoito escribir todos os anos. Mais como sei que os datos non se van a ningún lado, optarei entón para rematar a filmografía de Blake Edwards, que deixara a medias o venres pasado.

Quedara en que no ano 1961 o espectador descubrira definitivamente a Edwards grazas á película “Almorzo con diamantes”, na que, a maiores da película, o gran Henry Mancini compuxo un auténtico clásico para Audrey Hepburn: “Moon River”. A canción, por suposto, levaría un Oscar. Tras ese filme chegaron tres que consagrarían definitivamente ó director: “Chantaxe contra unha muller” (1962), “Días de viño e rosas” (1962), a cal non ten nada de comedia; é un grandioso estudo do destrutivas que poden ser as adiccións, neste caso, o alcol; e terceiro filme é “A pantera rosa” (1964). É dicir, vendo os catro deste parágrafo sáenos que son catro xéneros distintos: a comedia romántica, o suspense, o drama e a farsa.

Certo é que Edwards se decanta máis polo primeiro xénero, o da comedia, con “Darling Lili” (1970), “Dez” (1979) e, por último, coa serie de “A pantera rosa”, “O guateque” (1968), “A carreira do século” (1965), “Que fixeches na guerra, papi?” (1969) recuperando a tradición do cine cómico mudo.

Non obstante, é nas súas outras películas, máis sentimentais, onde se adiviña o auténtico Edwards. Un crítico atopou a unidade do seu cine na opción pola pantalla panorámica e na conquista do espazo (Trueba tamén roda as súas comedias en cinesmacope. Lembrade que para Trueba, o director americano era Deus).

Edwards sempre conta historias de amor e estar namorado parécelle a situación “ideal”, pero sen “idea”. Cando as condicións de vida son adversas, o amor frústrase, ou sexa, que o amor non é máis forte que a vida. As súas películas que poñen atrancos á felicidade da parella acaban mal. Para Edwards a vida hai que gozala porque non se pode cambiar e os seus heroes son, cando realistas, pícaros; cando soñadores, destrutivos. Quen non conquista o espazo, a pantalla non ten nada que facer.

Te puede interesar