Opinión

O bárbaro de Hollywood

Se digo John Milius a maioría da xente pensará tan só en “Conan, o bárbaro” (como director) ou como moito en “Apocalypse Now” (como guionista). Fóra diso, John Milius creo que é un completo descoñecido. E non debería. Porque John Milius foi un xigante cinematográfico. Un tipo de dereitas, amante das armas e republicano ata as orellas, pero sobre todo extremadamente brillante. Chegaría co guión de “Apocalypse Now” para entrar na historia do cine como unha lenda. Pero, a maiores, Milius foi o inventor da famosa frase de Harry o Sucio “alégrame o día”; ou o que desatascou a famosa secuencia do Indianápolis na película “Tiburón”, cando lle escribiu un monólogo de 10 páxinas ó protagonista Robert Shaw que este foi incapaz de memorizar e que, non obstante, sería o máis memorable da película. Tamén foi o home ó que George Lucas lle consultou infinidade de detalles para a súa película “American graffiti”. E foi, por suposto, o director da citada “Conan, o bárbaro”, aquel filme rodado na España de 1982, na que lle impuxo ó produtor Dino de Laurentiis a un austríaco de nome impronunciable. O italiano negábase en redondo a contratar a un culturista sen apenas experiencia como Schwarzenegger e pedíalle outro nome, outro actor. Conta a lenda que, Milius, cun puro na boca e coa súa sorna habitual, lle espetou: Dustin Hoffman. De Laurentiis botoulle pestes e estivo varios días sen falarlle, pero ó final... xa é historia.

Hoxe en día, John Milius é o gran esquecido daquela recua formada polos Scorsese, Schrader, Coppola, Spielberg e Lucas. Mais estes, sen Milius, non serían o que son. Este mesmo recoñecía que “seremos os novos Godard, os novos Kurosawas. E Francis será o noso guía”. Aínda que máis tarde tivo que confesar que “estes rapaces volvéronse demasiado brillantes, e todos se distanciaron moito. Lucas tiña o seu séquito. El era infalible, todo tiña que ser para el. E con Steven non se pode falar. Xa non é un ser humano”. Unha vez máis, penso que o diñeiro transforma ás persoas.
Non puido alistarse nos marines por unha asma crónica. Pero vingouse con “Apocalypse Now”. Coppola deulle liberdade e Milius puxo en boca dos seus personaxes frases xa míticas. Por exemplo, aquela de “encántame o cheiro do napalm pola mañá”. E Robert Duvall empeza coas súas.

Te puede interesar