Opinión

O demo en tres dimensións

Xiro a cintura e pego unha reviravolta para ver o que teño por diante. O que teño por diante é un bicho que me quere comer. Semella un dinosauro pero é coma un demo en tres dimensións. Leva forquita, leva cornos e lume saíndolle polas orellas. Mírame de mala maneira. Eu, para non ser menos, míroo con carraxe. Que vexa, que note que non lle teño medo. Non lle teño medo. A proba é que eu avanzo -amodiño, iso si- coa espada láser ameazándoo con espicharlle o corazón. Como non é parvo (o demo, recoñezámolo, nunca foi parvo; sempre fixo de nós un pandeiro) retrocede catro pasos; e non polo medo á espada láser, senón polo medo á miña determinación. A ver, cando a carraxe me asoma ós ollos, sempre poño cara de ferreiro. E a miña cara de ferreiro asusta, vaia se asusta. Cando o vin retroceder, deixei asomar algo así coma un pequeniño sorriso -para que el non se dese conta- e admito que afrouxei un chisco a presión sobre a espada láser. Eu ben sabía que me tiña medo. El ben sabía que eu non lle tiña medo. Miroume de esguello. Mireino de fronte. E díxenlle se quería loita. Cuspiu lume polas orellas e fume pola boca. Seguiu retrocedendo catro pasos máis ante a miña determinación. Eu, que queredes que vos diga, empezaba a enchérseme o peito de orgullo, de chularía. Non é moco de pavo facer retroceder ó demo. Cando o tiven acurralado contra a fonte da aira quixo espetarme a forquita, pero dun golpe coa miña espada láser mandeilla ó inferno. Axeonllouse ante un servidor e pediume perdón. O demo pediume perdón!

Te puede interesar