Opinión

O día dos defuntos

Ó mellor é que a miña memoria non está para buscar recordos do pasado (e iso que son dos que sempre estou rememorando a infancia), pero eu non lembro nada nin do Halloween nin do Samaín. Ó mellor por outras zonas galegas si había esas celebracións. Pola contorna de Baños de Molgas, que eu saiba, nada de nada. Eu, nesas datas, o que si lembro de verdade era o dos responsos no cemiterio. Iso si. Empezaban a iso das dúas e media ou tres da tarde para rematar xa pola noitiña. 

Normal, cada familia dáballe un papeliño ó crego no que ían anotados os responsos a cantar. Eu mesmo, a noite antes, a miña nai dicíame que pillase papel e bolígrafo e que anotase: “pola alma de don fulaniño de tal”, e á beira puña, non sei, cinco pesetas. Así uns cantos defuntos, é dicir, uns cantos familiares. Cantos van?, preguntábame ós poucos. Tantos. Pois para completar as 25 ou 30 pesetas, pon aí: “polas almas do purgatorio” ou “polas ánimas benditas” ou “polos vivos e os mortos”. Ese papeliño case sempre se lle daba ó cura cando chegaba ó cemiterio, aínda que había algúns que llos daban cando aquel ía á altura dos seus nichos. “Se llo dou ó principio, igual se me esquece”, pensarían. E empezaba a ladaíña: ...Réquiem aetérnam dona ei / Dómine, et lux perpétua lúceat ei / Dum véneris iudicáre saeculum per ignem / Kyrie, eléison, Christie, eléison. Kyrie, eléison / Pater noster... Ó rematar o responso, o cura dicía o de pola alma de tal ou cal. E como había veciños que querían dous ou tres responsos pola mesma persoa, volvíase rezar todo o responso e o paternóster para, ó rematar, soltar aquilo que sempre me chamou a atención: “Polo mesmo”. Non perdía o tempo dicindo o nome enteiro. 

Había que avanzar de nicho en sepultura. En cada nicho, en cada sepultura sabía que viña aquel papel envolto, medio engurrado, porque dentro ían metidas as pesetas. Os anos que chovía... malo! Había que cantar os responsos na igrexa e aí non recadaba tanto. Porque, no cemiterio, quéirase que non, algúns, polo que fose, aínda escribían ós defuntos alí. Ou se só era un responso chegaba con darlle os cartos ó momento. 

Co paso dos anos, empezaron a rezarse só uns poucos e desde a mesma entrada do cemiterio. Todo iso si o recordo. O de Halloween ou o Samaín, por aquí, para min non existían.

Te puede interesar