Opinión

O estilo Forman

Se digo Milos Forman, o pensamento de calquera cinéfilo viaxa a gran velocidade cara ás películas “Alguén voou sobre o niño do cuco” e “Amadeus”, principalmente. Pero Forman era algo máis. Si, quizais dificilmente clasificable, aínda que pouco a pouco decantouse polo cine entendido como gran espectáculo, no que, non obstante, invitaba ós espectadores a reflexionar sobre a condición humana e a falta de liberdade. Empezara dirixindo varias comedias checas e películas de realismo social, é dicir, un cine imposto polo réxime comunista que gobernada  a súa Chocoslovaquia natal.

Milos Forman, nacera o 18 de febreiro de 1932 en Cáslav, na actual República Checa. A súa infancia e a súa xuventude estivo marcada pola morte dos seus pais en campos de concentración nazis; a nai en Auschwitz e o pai en Buchenwald, que o arrestaran por distribuír libros prohibidos polo réxime nazista. Despois da guerra asistiu a unha escola pública na cidade de Podebrady, onde tivo de compañeiro a Václav Havel (derradeiro presidente de Checoslovaquia e primeiro da República Checa). Posteriormente, estudaría dirección cinematográfica na Escola de Cine de Praga. O réxime comunista moldeou o seu carácter, marcado por unha visión un tanto cínica da existencia e unha defensa a morte da liberdade individual, características que afloran en moitas das súas películas.

Tras a Primavera de Praga, Milos Forman exiliouse a Estados Unidos, onde empezou a realizar longametraxes sobre a sociedade norteamericana pero partindo sempre dun punto de vista moi persoal. Así, en “Alguén voou sobre o niño do cuco”, fai que Jack Nicholson consiga espertar nos seus compañeiros de psiquiátrico o sentido de liberdade que tiñan durmido, ou sexa, a loita do individuo contra a opresión do sistema. O filme acadaría os Oscars máis importantes de 1976: película, director, actores principais e guión

Despois seguiría cun excelente ton co musical de rock antibelicista “Hair”, coa rabia de “Ragtime” e co maior éxito da súa carreira a nivel mundial: “Amadeus”, auténtico e excelente estudo sobre a envexa que acadou oito Oscars. Forman morreu o pasado 13 de abril.

Te puede interesar