Opinión

O faraón

O que domina, manda. O que ten poder sempre asoballa ó máis débil. Sexa o poder que sexa: político (o que máis impera, por suposto, e o que máis abusa), económico, social, deportivo, cultural... e dentro deste, o cinematográfico, que é o asunto que nos ocupa. Estados Unidos ou Hollywood domina a cinematografía mundial e ben que se aproveita. Ata as críticas cinematográficas ou ensaios ou estudos se escriben baixa a influencia dese poder. Eu mesmo apando cos canons, coas normas que dita o país ianqui. E así, columna tras columna cinematográfica, asoman á palestra actores, actrices, directores hollywoodenses. Poucos españois e, claro, menos galegos. Agora mesmo ata poida que ningún. A verdade é que non lembro ben. Unha auténtica pena. Porque temos xente boa, moi boa. Pero... Si, sempre o maldito pero por medio.

Por iso hoxe eu mesmo me alegro un montón de poder falar de Antonio “Tucho” Lagares. Creo que foi ollando uns apuntes que tiña por aquí cando asomou ante os meus ollos unha nova sobre o falecemento deste inmenso actor galego, que ocorreu o 4 de xullo de 2013, ós 81 anos de idade.

Tucho Lagares era un secundario de luxo que dominaba a comedia por encima dos demais xéneros. Sempre se dixo que é moito máis difícil facer rir que chorar. El facía rir. E si, coñecerémolo das famosas series “Pratos combinados”, “Mareas vivas” ou “Terras de Miranda”, pero el onde máis a gusto estivo sempre foi no teatro. Porque aquí era libre da rixidez dos guións e as imposicións que impuña o audiovisual. Tucho Lagares era dono do escenario e onde, de cando en vez, improvisaba; algo que sempre lle apetece facer a eses actores que domean as táboas.

Presentouse ó público nacional en tres bos filmes que se rodaron na nosa terra, como foron “A lingua das bolboretas”, de Cuerda; “O lapis do carpinteiro”, de Antón Reixa; e “Lobos de Arga”, de Juan Martínez Moreno. Esta  última xa a rodou co cancro metido no seu corpo.

Tamén gozou co xénero pequeno, a zarzuela, na que seica se defendía moi dignamente coa súa bonita voz. Destacou en “A corte do faraón” de tal maneira que os compañeiros e amigos, e como é tradicional en Galicia, axiña lle puxeron o alcume de O Faraón.

Te puede interesar