Opinión

O gran Cooper

Pouca xente coincide coa opinión de Irene Dunne, que nunha ocasión dixo que Gary Cooper non aprendera nunca a actuar. Pola contra, todo o mundo estará máis de acordo co punto de vista de D. W. Griffith de que ninguén como Cooper podía conseguir ante a cámara ser perfectamente natural.

Naceu en 1901 en Montana co nome de Frank James Cooper. A pesar da súa imaxe de basto e torpe home de orixe humilde, criouse nun ambiente de diñeiro. O seu pai era xuíz e educárono na sofisticación de elegantes traxes e afeccións refinadas.

Ó principio da súa vida dedicouse á profesión de debuxante, pero sucumbiu ó veleno da interpretación logo de actuar como extra en algunhas películas. O seu lanzamento chegou en 1926 con “La victoria de Barbra Worth”, para caer máis tarde en mans de Clara Bow (e non só na pantalla) para facer “Los hijos del divorcio” (1927). Ata 1929 fixo unha serie de películas mudas. A súa primeira película sonora sería “El virginiano”, que grazas ó éxito que tivo, a súa carreira empezou a subir como a espuma. E así, un ano máis tarde fixo sete películas, sendo a máis destacable “Marruecos” coa gran Marlene Dietrich. Repetirían os dous en 1936 en “Deseo”.

O seu seguinte gran éxito sería en 1935 con “Tres lanceros bengalíes”, onde se atoparía co seu medio ideal, o cine de aventuras. “El forastero” e “La Policía Montada del Canadá”, ambas de 1940, foron magníficas películas clásicas de acción e aventura. Con “Sargento York” (1941) acadou o seu primeiro Oscar. Era a historia real dun obxector de conciencia durante a Primeira Guerra Mundial que acabaría converténdose no seu principal heroe.

Gary Cooper tamén tiña un gran talento para a comedia, e a proba está na marabillosa “Bola de fuego” (1942). Non obstante, nesta década dos 40 a súa carreira pegou un baixón que, por fin, superaría en 1952 con esa obra mestra titulada “Solo ante el peligro”, pola que acadou o seu segundo Oscar.

As súas películas de madurez, tendo sempre interese pola categoría de quen as interpretaba, non chegaron a ser grandes éxitos, destacando, iso si, “Veracruz” (1954) e “El árbol del ahorcado” (1959). O seu derradeiro filme foi un thriller con Deborah Kerr en 1961, “Sombra de sopecha”.

Te puede interesar