Opinión

O gran gorila

Opinión

O gran gorila

Segundo a lenda do filme “King Kong” (1933), Merian C. Cooper empezou a idear a historia unha mañá despois de soñar cun gorila xigante que atacaba Nova York. Tamén lle influíu, sen dúbida, a lectura de novelas como “A terra que o mundo esqueceu”, de Edgar Rice Burroughs, e “O mundo perdido”, de Arthur Conan Doyle, que xa tivera unha versión cinematográfica.

Merian C. Cooper vendeulle a idea ós executivos da RKO ó mesmo tempo que lles mostraba unha secuencia de proba cunhas maquetas fabricadas por Willis H. O´Brien, o mítico especialista en efectos especiais. Os directivos semella que quedaron apampados. Nunca viran nada igual e déronlle luz verde á produción. O proxecto tivo varios títulos, referentes todos eles á besta, claro, ata que finalmente o produtor David O. Selznick bautizou a película co nome que coñecemos todos, o de “King Kong”.

O director contou co seu habitual equipo de colaboradores. Ernest B. Schoedsack foi a súa man dereita como codirector e Fay Wray, coa que xa traballara en varias películas anteriormente, a protagonista principal.

O máis enrevesado, por suposto, foi darlle vida ó gran gorila. Utilizáronse varias maquetas do animal, a máis pequena de 18 centímetros, e os seus movementos filmáronse seguindo a técnica de fotograma a fotograma, ou sexa, o stop-motion. A Illa da Caveira, é dicir, a morada de King Kong, era en realidade un conxunto de decorados que apareceran un ano antes en longametraxes de aventuras, como “O malvado Zaroff” ou “Ave do paraíso”.

Pero na pantalla nada diso importaba. Os espectadores vían a un enorme gorila que ruxía, loitaba contra un gran dinosauro, capturárono e levárono a Nova York para espectáculo do ser humano. Conseguiu fuxir polas rúas da cidade ata que chegou ó rañaceos máis famoso do mundo: o Empire State Building, para loitar contra uns avións que lle disparaban. Esa loita non tardou en converterse en todo unha icona cinematográfica.

Fixéronse e estanse facendo versións e máis versións de “King Kong”, pero as adaptacións posteriores, con toda a cantidade de medios e tecnoloxía, non conseguiron igualar o glamur e a atmosfera do material orixinal.