Opinión

O gran visionario

Julio Verne, quizais o primeiro e máis grande escritor de novelas de aventuras. Julio Verne, o gran visionario da ciencia ficción. Dos seus libros, das súas novelas leváronse unha morea delas ó cine; algunhas con infinidade de versións, que seguirán e seguirán no tempo, mentres o cine sexa cine. Como o espazo desta columna non dá para moito, vou falar un chisquiño das que poida, ou sexa, daquelas máis importantes, das que tiveron máis éxito.
“20.000 leguas de viaxe submarina” dirixiuna Richard Fleischer en 1954, que é unha adaptación moi libre do libro pero cuns intérpretes excepcionais, principalmente Kirk Douglas e James Mason. É unha das obras de Verne máis adaptadas e sen esquecer historias “inspiradas” polo personaxe de Nemo, como “A cidade de ouro do capitán Nemo” (1970). Lembrar tamén que “A illa misteriosa” (da que falarei máis adiante) é unha especie de secuela de “20.000 leguas de viaxe submarina”. “A volta ó mundo en 80 días” rodouna Michael Anderson en 1956. Esta si se basea fielmente na novela e realizouse coa intención de ser a súper produción máis ambiciosa da época e para iso contou cun dos elencos máis impresionantes da historia: David Niven, Cantinflas, Shirley MacLaine, Robert Newton, Charles Boyer, John Carradine, Ronald Coldman, Marlene Dietrich, Buster Keaton, Frank Sinatra e ata o mesmo toureiro español Luis Miguel Dominguín. Arrasou nos Oscar, aínda que moitos discreparon da calidade do filme.
“Viaxe ó centro da terra” (1959) tamén é unha adaptación bastante fiel á que o director Henry Levin lle meteu algo de romance e un certo espírito aventureiro para facela máis apetecible para o consumidor de aventuras en cinemascope da época, e na que, unha vez máis James Mason bordou o seu papel.
En “A illa misteriosa” (1961), o director Cy Endfield recrea un universo cheo de seres xigantescos a maior gloria das marabillosas trucaxes de Ray Harryhausen. Quizais non sexa unha boa adaptación de Verne, pero o encanto dos seus efectos especiais e a interpretación decadente e precisa de Herbert Lom como Nemo fana imprescindible. Juan Antonio Bardem fixo unha versión en 1972 con Omar Sharif.

Te puede interesar