Opinión

O home e o mozo

Que sucedeu entón?, díxolle un home a un mozo cando estaban os dous sentados á beira do río Arnoia ó seu paso pola Pitediña. O mozo díxolle que nada e non volveu abrir a boca. Estiveron en silencio un bo anaco de tempo. Logo o mozo comentou que marchaba porque tiña que marchar. E o home, con retranca, díxolle que el quedaba porque tiña que quedar. Quedou contemplando o río coa confianza de ver a unha troita bailando unha muiñeira.

Ó mesmo tempo mascaba unha palliña de herba que arrincara xusto cando erguera o mozo. O mozo cruzou correndo As Mestras, pasou a pasarela do río Sor e uniuse a un grupo de mozas que rían ás gargalladas abrazadas ós carballos da Ansuíña. O home, desde a distancia, non lles perdía ollo. Porque as mozas eran graciosas e ousadas. Porque el penaba de melancolía. Tamén ergueu e abrazouse a un amieiro para usar as palabras que dixera antes o mozo, que marchaba porque tiña que marchar. Sorriu.

Colleu pola carreira dos Poulos e desembocou xunto á súa propia Lagoa. Volveu sentar e pensou nos tempos de máis alá dos seus soños, nos tempos nos que a vida non era da cor de rosa, de boa fada. Hoxe dá gusto ser adulto, pensou. E volveu sorrir. Cando se calmou o ritmo do seu afogo, dirixiu a ollada para a vila de Baños de Molgas e marchou con parsimonia mentres murmuraba unha e outra vez que marchaba porque tiña que marchar. Marchaba para a súa casa. O mozo tamén estaba a marchar. Só e en silencio.

Te puede interesar