Opinión

O lirismo de Mizayaki

Hayao Miyazaki é un dos grandes directores que lle deu ó mundo o cine xaponés, un creador á altura doutros ilustres realizadores daquel país, coma Akira Kurosawa, Yasujiro Ozu ou Hirokazu Kore-eda. A diferenza é que, mentres estes tres últimos creaban as súas historias con personaxes de carne e óso, Miyakazi debúxaos e anímaos, dálles cor e envólveos nun mundo cheo de alegorías e fantasía. Froito da súa imaxinación naceu, por exemplo, esa obra mestra titulada “A viaxe de Chihiro”, que acadou o Oso de Ouro no Festival de Berlín de 2002 e o Oscar á mellor película de animación un ano máis tarde.

Hayao Miyazaki naceu en Tokio o 5 de xaneiro de 1941. A súa infancia e xuventude estiveron marcadas, por suposto, polas secuelas da guerra, da Segunda Guerra Mundial. E tamén pola presenza no seu fogar dunha nai enferma. O seu pai e o seu tío dirixían unha empresa que fabricaba timóns para avións, o que acabou espertando a paixón do rapaz pola aviación. A súa outra gran paixón era o debuxo. Con só 22 anos, en 1963 empezou a traballar en Toei Animation, naquela época o estudio máis importante da animación xaponesa, o chamado “anime”. Alí fixo de todo: animador, guionista, realizador e produtor.

Pero Miyazaki aspiraba a outro cine: a historias máis persoais e sutís que foran capaces de divertir a pais e fillos. En 1985 fundou, co seu amigo Isao Takahata, os estudios Ghibli. O nome colleuno dun dos avións italianos que se usaron durante a guerra no deserto do Sáhara.

Miyazaki sempre mantivo nas súas longametraxes o estilo visual que asimilara na factoría Toei, pero, ó mesmo tempo, sempre intentou innovar no apartado narrativo. As súas películas falan de pacifismo e ecoloxía, teñen lirismo e encanto, están cheas de intensas cores e case sempre protagonizadas por nenos e nenas.

Fronte ó uso de técnicas dixitais que agora fan case todos os estudios de animación, Ghibli segue traballando de maneira tradicional, debuxando sobre o papel a maior parte das películas; sistema caro pero que alumea verdadeiras obras de arte.

Te puede interesar