Opinión

O lobo que oulea

Acanícula cae con forza sobre o Alto da Lomba e o lobo asoma por entre uns piornos. Asenta os pés con forza, ábrase un pouco de pernas e oulea. Oulea de satisfacción e oulea polo encontro. Logo de oulear, trota. Trota coma cabalo desbocado e ós cachos segue ouleando. Hai ouleos que abarcan todo o monte Medo. Brinca por entre os codesos e envorcállase coma un burro de contento. Pero é un lobo feliz, ledo, satisfeito, que lle brillan os ollos e que se lle rompe o corazón a cachos polo gozo, polo anhelo que sente. Cruza para Os Currás e non deixa de oulear. Oulea polo tempo recuperado e polo sabor da vida. Oulea para si e para todos. Oulea con ansia, con forza, cos ollos humedecidos pola emoción, cos pelos postos de punta. Deixa caer os cuartos traseiros e, aí, sentado, segue ouleando. Hai momentos na vida de calquera animal que os hai que exteriorizar, que os hai que espallar, que os hai que deixar brotar ou agromar. O lobo semella que facía moito tempo que non ouleaba como está ouleando. Érguese e tamén polo alto dos Currás brinca e corre ata que case bota os bofes. Pero non lle importa. Hoxe é o seu día, a súa mañá e ninguén lla vai quitar. Oulea de novo. Polo que foi, polo que é, polo que pode ser. El sabe que a vida, por veces, agasalla con momentos que hai que aproveitar. Vaia se os aproveita... oulea por toda Sudalomba e por todos Os Currás. E brinca alegre. E corre coa felicidade montada sobre o seu lombo. Non lle afecta a canícula para nada e a pesar de que chorrea suor por toda a súa pel. El segue ó seu, ou sexa, a oulear de novo cara ó sol.

Te puede interesar