Opinión

O malo de Bollywood

Todas as cinematografías teñen o seu “malo”, porque as películas sen un bo malo non son películas. E en moitas incluso o malo cómese ó auténtico protagonista. O cine de Bollywood, ou sexa, o cine en lingua hindi, o cine da India tamén ten o seu. Chamábase Pran Krishan. A súa carreira, de seis décadas e máis de 400 películas (morreu ós 93 anos), estivo chea de triunfos, entre eles o máximo recoñecemento da industria cinematográfica de India, o Daba Saheb Phalke. O Oscar ou o Goya indio. Déronllo tres meses antes do seu derradeiro suspiro.

Pran Krishan Sikhand nacera nunha familia rica na vella Delhi, pero crecera en Lahore, agora Paquistán. El quería ser fotógrafo e xa traballaba incluso como aprendiz, pero por circunstancias ou por casualidades da vida, nunha viaxe que fixo en 1940 a Shimla, que era a antiga capital de verán do Raj británico (a administración colonial inglesa), actuou nunha representación teatral informal. E díxose sempre que o teatro ten un non se sabe moi ben que, que engancha. Un escritor e un produtor que o viron na actuación invitárono a participar na película “Yamla Jat” (1940). Arrincou aí, a excepción dunha mala racha ó principio, unha carreira meteórica que o convertería nunha lenda en Bollywood. Nos anos 70 foi un dos actores mellores pagados e os pais puxéronlles a moitos fillos o nome de Pran na súa honra. Os seus mellores papeis foron os de vilán, os de malo, ós que lle daba distinción coa súa voz de barítono e a súa boa planta, como na mítica “Ram Aur Shyam” (1967). Aínda que en algunhas películas tamén se transformaba nun cacho de pan, como en “Parichay” (1972), na que lle daba vida a un entrañable avó.

Din que usaba os seus ollos, voz, dicción, mobilidade facial e linguaxe corporal para lograr un efecto poderoso. Que memorizaba os diálogos con tan só mirar rapidamente as páxinas que lle daban, case sempre un minuto antes da chamada de luces, cámara e acción. A prensa india tamén comenta que na súa vida real era todo o contrario a un vilán; que amaba a poesía e que sempre axudaba a quen o necesitara. A proba é que, tras a guerra de independencia de Bangladesh, participou en varias representacións para recadar fondos para os refuxiados.

Te puede interesar