Opinión

O mar e aquel sitio

Levaba días que quería ver o mar e... vin o mar. A iso das dez asomou a muller pola habitación para dicirme se non iamos a aquel sitio. Aquel sitio era Oia, para ver o mosteiro de Santa María de Oia, ó que eu lle tiña ganas. Que tempo vai?, quixen saber. O tempo está ben. Pois, ale, arreando. E fomos co rapaz máis vello. O máis novo semella que ten outras faenas.

Chegando a Baiona xa ulimos o mar. Que marabilla! Logo dun pequeno calvario para aparcar e aproveitando que as nubes non traían auga, fomos escoitar o mar. Polo marabilloso paseo que arrodea a fortaleza. Escoitamos o mar. Vimos o mar. Ulimos o mar. Tiven que gravar un minuto e pico de vídeo, claro. Porque a min o que máis me fascina do mar é o seu ruído. O romper das ondas. Brillábanme os ollos coa emoción e sobrábame a cazadora cando saía o sol. Logo de xantar en terraza marchamos para Oia. Todo o camiño á beira do mar. Coas ventás abertas para sentir o cheiro do mar, para oír o ruído do mar. Non son mariñeiro e non entendo moito, pero creo que o mar estaba algo bravo ou picado. Algo que sempre desexei; o mar gústame polo seu ruído e pola súa bravura. Un dos meus desexos é pasar unha noite de inverno á beira do mar. Pero hoxe tocaba ver ó mosteiro de Santa María de Oia. E vímolo fermoso; polo monumento en si e pola súa situación: á beira mesma do meu mar.

Te puede interesar