Opinión

O mellor GPS

Opinión

O mellor GPS

Moita tecnoloxía. Moito adianto virtual. Moito móbil. Moito GPS. Pero a realidade está en que como non alixeires, como non te movas, estás perdido. Máis ou menos como lles aconteceu a sete persoas de Lugo que por lle facer caso ó GPS acabaron perdéndose no concello de Cervantes da súa propia provincia. A ver, eu algunha vez botei man do GPS (perdón, o meu fillo Xoel, pois eu recoñezo que son un negado para certas cousas) e valeu a vida, ata cheguei incluso a gabalo, e ségueme parecendo unha boa ferramenta. Pero antes, moito antes, días antes ou horas antes sempre me estudei o meu mapiña. Sempre quixen ter unha idea de a onde ía e por onde iría.

É certo que case en todas as viaxes (e teño realizadas unhas cantas) sempre me despisto, sempre me perdo un pouco, pero mesmo dando algunha que outra volta de mais, sempre cheguei ó meu destino, san e salvo.

No coche, por se aquel, aínda anda un mapa daqueles que se vendía en quioscos e gasolineiras, e a pesar de que xa levo moitos, pero moitos anos sen usalo. Agora boto man do señor Guguel e ó mellor tírome horas buscando rutas, mesmo collendo o boneco ese que te leva polas propias rúas das cidades e que che deixa ver letreiros, escaparates e demais sinais que axudan que é unha barbaridade. O GPS é bo, pero como a mente humana non hai. Aínda que vaia cos rapaces, un servidor estuda antes as estradas, camiños, aldeas, vilas e cidades polas que vou andar ou pasar; non vai ser que o GPS ese me mande a Lituania, por exemplo, que non será mal sitio, pero queda moi lonxe.