Opinión

O mestre da conciencia

Quero ser africano para que un raio de sol me abrase a quimera pola que estou navegando. Quero navegar por entre as enredadeiras dunha historia que, quizais, algún día contarei. Contarei que todo vai do principio ata o final, atallando nas curvas e sen ningún descanso para reflexionar. Reflexionar para situarte no pasado é coma retroceder cos ollos pechos, que ás veces é bonito e por veces é amargo. Como amarga é a soidade dunha canfurnada, ou o entretollo dunha acción. Quero ser eu para que non sexa outro por min. Quero ser o silencio dentro da algueirada e o bruído deitado no sosego. Eu son único, inxente e impoluto, ou sexa, sen mácula. Quero furgar por entre as matogueiras da apetencia e acubillarme entre o mofo dunha carballeira. Xa sei que quero ser moitas cousas, pero será o tempo o que me apouvigue sobre o leito da verdade, o que me deixe caer sobre a liña que escribín sen querer. Ou sen pensar. Hai liñas escritas que rachan os muros da ignorancia; ou que esgazan os valados do raciocinio. É complicado ver de onde saen os tiros. Porque sempre hai alguén que quere disparar. Aínda que só sexa con palabras de auga. Quero ser o home que vai e vén por entre os recunchos dunha concordia ou dunha harmonía para que o silencio se deite sobre a paz dun conto, de todo un conto. Eu son o específico, o inigualable que asegura que todo é verdade. Ata a propia mentira. Que xa é dicir. Claro que para iso o digo eu. O eterno. O mestre da conciencia. Da miña, por suposto.

Te puede interesar